Análise

A Xustiza fai abanear o taboleiro político

Unha sentenza do Tribunal Supremo anuncia cambios. Agárdase que as consecuencias políticas da resolución xudicial supoñan un terremoto político na Galiza, con especial incidencia na circunscrición de Ourense
José Manuel Baltar asina o nomeamento de Miguel Caride como vicepresidente da Deputación de Ourense. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Manuel Baltar asina o nomeamento de Miguel Caride como vicepresidente da Deputación de Ourense. (Foto: Europa Press)

A sentenza 1401/2020, da sala terceira do contencioso administrativo, do Tribunal Supremo vai traer cola. Malia que unha boa parte dos xuristas a agardaban en coherencia co espírito do artigo 73.3 da Lei de Bases de Réxime Local, coas disposicións recollidas nos diversos acordos contra o transfuguismo asinados desde 1998 e coa maioría das resolucións xurdidas dos tribunais territoriais, o auto do Tribunal Supremo colleu por sorpresa boa parte dos responsábeis políticos. Tanto é así que a resolución é obxecto preferente de estudo polos servizos xurídicos das administracións locais e de moitos despachos de avogados especializados en dereito público, que significan a claridade do acordo do Tribunal Supremo.

A presente resolución xudicial ten a súa orixe nun litixio xurdido no Ajuntament de Font de la Figuera no País Valencià, onde o grupo municipal do PP recorreu após as eleccións de 2015 a decisión dunha edila de Ciudadanos que acabou apoiando un alcalde de Compromís. Nesta liña, o auto do Tribunal Supremo de 26 de setembro de 2020 vén dar por finalizado o procedemento, fixando xurisprudencia nunha liña moi semellante á apuntada en resolucións anteriores polo Tribunal Constitucional.

O contido da sentenza non deixa lugar a dúbidas. Así, recolle que “o pase á condición de concelleiro non adscrito, como consecuencia ou por razón dun suposto de transfuguismo, si impide que se asuman cargos ou que perciba retribucións que antes non exercía ou percibía e impliquen melloras persoais, políticas ou económicas. Fica excluída desta limitación a incorporación ás comisións informativas”.

Ao tempo, a resolución determina o alcance, afirmando que o pase á condición de concelleiro non adscrito, por incorrer en transfuguismo, supoña “un incremento ou mellora do status” e tómase como referencia “aqueles beneficios políticos distintos aos indispoñíbeis por seren asociados á condición de concelleiros”.

As consecuencias políticas da resolución xudicial anuncian un terremoto político na Galiza, con especial incidencia na circunscrición electoral de Ourense. A este respecto, pendente da aplicación mesma atópanse actualmente os concellos de Castrelo de Miño e de Viana do Bolo pero tamén a propia Deputación de Ourense, após ter nomeado José Manuel Baltar como vicepresidente da institución Miguel Caride, antigo concelleiro de Democracia Ourensá e actualmente membro do grupo dos non adscritos.

Así e todo, este é un caso menor en relación co escenario que se abre en Castrelo de Miño e Viana de Bolo, onde as maiorías de Goberno se conformaron co concurso de concelleiros coa condición de non adscritos. 

Os Gobernos de Castrelo de Miño e de Viana de Bolo preparan unha defensa xurídica que non semella doada, mais están dispostos a resistir á espera da posición dos seus secretarios municipais, cuxos informes resultan preceptivos para resolver os procedementos abertos nos respectivos. As fontes xurídicas consultadas por Nós Diario non ven posíbel un informe favorábel dos secretarios da corporación á continuidade dos actuais Executivos e apuntan a que o seu relatorio vai descargar toda a responsabilidade nos concelleiros presentes na votación. 

Comentarios