A Xustiza confirma a suspensión a moción de censura en Maceda de Trives impulsada por dous edís do PP e dous tránsfugas do PSdeG

"Se non saben presentar unha moción de censura, como pretenden gobernar un Concello?", preguntan desde o PSdeG.

O alcalde de Maceda de Trives, Amable Fernández, e o líder do PSdeG de Ourense, Álvaro Vila, en rolda de prensa o 29 de outubro. (Foto: PSdeG)
O alcalde de Maceda de Trives, Amable Fernández, e o líder do PSdeG de Ourense, Álvaro Vila, en rolda de prensa o 29 de outubro. (Foto: PSdeG)

O intento de quitar a Alcaldía de Maceda de Trives ao socialista Amable Fernández fracasa definitivamente nos tribunais. O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense vén de confirmar a suspensión da moción de censura que dous concelleiros do PP e dous tránsfugas do PSdeG impulsaran contra o rexedor.

A moción, que fora xa paralizada o pasado 28 de outubro a través dunha medida cautelar solicitada polo propio alcalde, queda agora definitivamente arquivada, o que implica que, se os promotores queren insistir no relevo, deberán volver iniciar o procedemento desde cero.

No seu recurso, Fernández denunciara diversas irregularidades formais. Dúas das catro persoas asinantes non compareceran presencialmente ante o secretario municipal para autentificar as súas sinaturas, e a convocatoria do pleno para facer efectiva a moción non incluía o texto íntegro da proposta, o que vulneraría os procedementos estabelecidos na Lei de bases do réxime local.

Desde o PSdeG de Ourense celebraron a resolución e advertiron que o ocorrido foi facer "o ridículo". "Se non saben presentar unha moción de censura, como pretenden gobernar un Concello?", cuestionan os socialistas.

Tras a decisión xudicial e a anulación da moción de censura, desde o PSdeG piden ao PP e aos tránsfugas que "recapaciten" e que "eviten volver presentar unha moción, tras ridículo e as irregularidades cometidas na tramitación do primeiro intento". Os socialistas agardan que "ou ben o PP se retracte no impulso desta moción ou os dous concelleiros tránsfugas entreguen a súa acta de concelleiros".

Nun comunicado, a formación acusa aos populares de "volver aos tempos máis escuros do baltarismo", e apunta directamente ao presidente provincial, Luis Menor, a quen atribúe "promover e bendicir o transfuguismo co único obxectivo de sumar Alcaldías a toda costa".

Comentarios