O PP apóiase en dous ex edís socialistas para presentar unha moción de censura en Maceda de Trives
O PP e os dous ex concelleiros do PSdeG que se pasaron ao grupo de non adscritos presentaron unha moción de censura en Manzaneda (Terra de Trives) contra o actual alcalde, o socialista Amable Fernández, que previsibelmente perderá o bastón de mando.
Desta maneira, espérase que sexa o popular Pedro Yáñez quen reciba o bastón de mando. El é un dos asinantes da moción xunto a Verena Yáñez, quen suman maioría co apoio de Antonio Núñez e Miguel Domínguez, que no ano 2023 se presentaron na mesma lista do alcalde que agora censuran.
Núñez era primeiro tenente de alcalde, ademais de ocuparse das concellarías de Emprego, Medio Ambiente, Cultura e Deporte. Domínguez, pola súa parte, encargábase da área de Patrimonio. O seu paso ao grupo de non adscritos, sumado á sentenza do Tribunal Constitucional avalando a sinatura de mocións de censura por parte de edís tránsfugas que compartiran lista electoral co rexedor, xa facían esperábel esta situación.
"Por motivos estritamente políticos e ideolóxicos, principalmente relacionados co desacordo coa liña política do grupo, moi afastada de promesas electorais; e a perda de confianza na dirección do mesmo, baseada en decisións unilaterais, falta de transparencia e autoritarismo, decido abandonar o grupo municipal", explicaba Núñez no documento presentado por rexistro solicitando o seu paso ao grupo de non adscritos. Agora, tanto el como Domínguez dan un paso máis ao asinar a moción de censura.
