Xuntos polo Irixo e PSOE presentan a primeira moción de censura deste mandato contra o PP

Casa do Concello do Irixo (Foto: Igrexas / Wikipedia).
O até agora alcalde da localidade, Manuel Cerdeira Lourenzo (PP), será desprazado do cargo por Susana Igrexas (Xuntos polo Irixo) que se converterá na nova rexedora.

O concello do Irixo (comarca do Carballiño) é o escenario da primeira moción de censura desde a toma de posesión dos concellos o pasado 17 de xuño.

O até agora alcalde da localidade, Manuel Cerdeira Lourenzo (PP), será desprazado do cargo por Susana Igrexas (Xuntos polo Irixo) que se converterá na nova rexedora.

“Foi case por petición popular. A maioría dos veciños querían un cambio. Xa tiña que ser antes, pero non puido ser”, manifestou a que será nova alcaldesa a respecto das conversas co PSOE que foron infrutuosas nun principio pero que agora deron froito.

O PP obtivo catro das actas mentres que Xuntos polo Irixo tres e o PSOE dúas.

Alcaldía rotatorias

Segundo o acordo alcanzado polas dúas formacións a Alcaldía na localidade será rotatoria o que significa que Igrexas de Xunto polo Irixo será rexedora durante tres anos mentres que o socialista Iago Fariñas será alcalde o último ano de mandato.

O PP non tardou en reaccionar a este acordo manifestando a través dun comunicado que “este acordo de intereses non dá os 100 días de cortesía nin, por suposto, da oportunidade ao goberno para desenvolver o programa apoiado de forma maioritaria polos veciños”.