A Xunta recortará á metade os prazos para tramitar 13 novos parques eólicos

Reunión do Consello da Xunta desta quinta feira. (Foto: David Cabezón)
Todos os proxectos situaranse fóra da zona delimitada polo Plan sectorial eólico da Galiza.

O Consello da Xunta desta quinta feira autorizou a tramitación pola vía da excepcionalidade de oito parques eólicos, que se suman a outros cinco previos, baixo o pretexto da súa necesidade para abastecer enerxeticamente diferentes proxectos industriais do país. Segundo precisou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, “100%" dos proxectos para industrias que solicitaron esta vía foron xestionados.

Tal e como explicara Rueda o pasado 3 de novembro, tamén despois de aprobar a declaración de excepcionalidade de tres parques eólicos na comarca da Mariña, con esta decisión da Xunta "reduciranse á metade os trámites e procedementos" que dependen do Executivo galego, ao abeiro da Lei de áreas empresariais aprobada no Parlamento o pasado mes de outubro.

"Esperamos a mesma dilixencia" do Goberno español, apuntou esta quinta feira o presidente galego na comparecencia posterior ao Consello, na que explicou que a Xunta cumpre coa súa "parte" e axiliza a tramitación de parques presuntamente “chaves” para a fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo) a factoría de pneumáticos da multinacional chinesa Sentury Tire nas Pontes, ou para a planta de Showa Denko na Coruña.

Os 13 parques para os que a Xunta recorta os prazos e requisitos de tramitación estarán situados fóra da zona delimitada polo Plan sectorial eólico da Galiza, algo que o Executivo de Rueda autorizou escusándose na súa “importancia industrial”. Porén, a última palabra dependerá do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco), xa que todos estes proxectos superan os 50 megavatios de potencia.

A Xunta recolle a luva do Miteco

Esta decisión do Executivo galego prodúcese despois de que a pasada semana a ministra titular do Miteco, Teresa Ribera, apremase a Xunta a axilizar a tramitación dos parques eólicos na Mariña, lembrando que en xaneiro vence o prazo, polo que é "capital" acelerar os trámites, porque non haberá prórrogas.

Para Ribera, é "capital poder resolver esta cuestión canto antes", por razóns de garantía, dixo, para promotores e investidores e, no caso da Galiza, en particular, cunhas apostas importantes desde o punto de vista industrial.

As declaracións da ministra tiveron contestación no mesmo día por parte do presidente da Executivo galego, que garantiu que o seu Goberno traballa "con toda a intensidade" para cumprir coa súa parte na tramitación dos eólicos ligados a proxectos industriais.

En total, o Miteco solicitou ao Goberno galego que axilizase os 26 proxectos de enerxía eólica que aínda están pendentes de tramitar. O secretario xeral de Medio Ambiente, Hugo Morán, enviou unha carta á Xunta con data do 14 de novembro na que concedía até o 20 de xaneiro para que a emisión deses 26 informes requiridos.