Consello da Xunta

O Goberno galego prevé baixar a 188 días a agarda en dependencia, mais seguiría a incumprirse a lei

377 días é o tempo medio de espera para unha resolución de dependencia na Galiza. (Foto: Arxina)
O proxecto do novo decreto de dependencia que prepara a Xunta da Galiza ten entre os seus obxectivos reducir á metade a espera das persoas que agardan por un recoñecemento ou prestación. Unha agarda que ao fechar 2022 estaba en 377 días, polo que o Goberno galego o que procura é rebaixar ese prazo a 188 días. Unha cifra que, en todo caso, segue por riba do máximo estipulado pola Lei de Dependencia, que fixa un tope de seis meses, 180 días.

O presidente galego, Alfonso Rueda, destacou esta cuarta feira na súa comparecencia após o Consello da Xunta que o novo decreto de dependencia, que se vén de remitir ao Consello Consultivo, márcase tres obxectivos principais: reducir a burocracia —para iniciar o proceso só farán falta 12 informes no canto dos 12 documentos anteriores—, que o proceso de valoración e o do PIA (Plan individual de atención) vaian parellos e que a aprobación do PIA implique xa a prestación económica. Trataríase, asegurou, de recortar trámites "farragosos" e tamén o tempo de espera en dependencia. Un recorte "á metade" do tempo actual.

O tempo que na Galiza as persoas dependentes e as súas familias teñen que agardar por unha resolución que recoñeza os seus dereitos é de 377 días. Unha cifra superior á maior parte dos territorios do Estado español —en Asturias son 242 días, en Castela e León 125, por citar as comunidades veciñas— e tamén á media estatal, que é de 360 días.

O plan do Goberno galego é reducir estes 377 días á metade, é dicir, a 188. Mais esa cifra reborda o máximo fixado por lei. A Lei de Dependencia aprobada en 2006, que vai cara ás dúas décadas de vida, recollía na súa disposición final primeira que "o prazo máximo, entre a data de entrada da solicitude e a de resolución de recoñecemento da prestación de dependencia será de seis meses, independentemente de que a Administración competente estabelecese un procedemento diferenciado para o recoñecemento da situación de dependencia e o de prestacións". O plan da Xunta para reducir o tempo de espera non cumpriría esa disposición.

As listas de agarda para a prestación da axuda por dependencia acumulan grandes atrasos. A este respecto, o Observatorio da Dependencia certificou que a 31 de decembro de 2021 —último ano fiscalizado— na Galiza existían un total de 8.728 casos pendentes de resolución e 410 expedientes á espera de valoración. A Xunta da Galiza cifra en 4.000 as persoas dependentes en espera a 31 de decembro de 2022.

Sanidade

O presidente galego tamén se pronunciou esta cuarta feira sobre as listas de espera na sanidade, que na Galiza aumentaron en 17.000 persoas no último semestre de 2022. A preguntas da prensa, Rueda optou por centrarse na media de días de agarda (75 en cirurxía e 66 en consultas), por ser mellores que a media do Estado, mais recoñeceu que había que seguir a traballar para reducir o número de persoas que están nas mesmas.

"Isto irá mellorando, imos no bo camiño", manifestou o xefe do Executivo, coñecedor de que os datos oficiais non informan das persoas na listaxe non estrutural, que inclúen un número indeterminado de doentes, como os que rexeitan a derivación á sanidade privada.

Apuntou, nesta liña, que o Goberno galego está a elaborar unha serie de medidas a aplicar este ano para reducir as listas, nas que a finais de 2022 había inscritas perto de 270.000 persoas, o que equivale a un de cada 10 habitantes da Galiza.

Avais para vivenda

O Consello da Xunta deu tamén o visto e prace a un crédito de 5 millóns de euros destinado á concesión de avais para a compravenda de vivenda por parte de menores de 36 anos. Rueda sinalou que se trata dun crédito "ampliábel" en función da aceptación e do número de solicitudes.

O que busca, subliñou, é "impulsar" a compra de vivenda por parte da mocidade, consciente das "dificultades" para acceder a este mercado. Para iso disporá avais públicos que alcanzarán até 20% da operación, cun tope de 48.000 euros, e teranse en conta factores como o nivel de renda da persoa solicitante e o municipio en que se realice.

Facilitar o retorno e axudas a mariscadoras

O Executivo tamén aprobou na súa xuntanza desta cuarta feira axudas para facilitar o retorno á Galiza de galegos e galegas de orixe; así como destinar 4 millóns a 700 mariscadoras da ría de Arousa afectadas pola veda.