xoves 26/11/20

A Xunta paga 7,2 millóns de euros ao ensino concertado pola Covid-19

Os centros concertados recibirán até 7,2 millóns de euros da Xunta da Galiza para axudalos a afrontar os gastos nos que incorran para cumprir cos protocolos para a prevención da Covid-19, como pode ser a dotación de medios, reformas ou a contratación de maior número de profesorado. 
Alberto Núñez Feixoo, hoxe, no Consello de Goberno. (Foto: Arxina)
Alberto Núñez Feixoo, hoxe, no Consello de Goberno. (Foto: Arxina)

Até 7,2 millóns de euros destinará a Xunta da Galiza aos centros de ensino concertados para axudalos a custear os gastos derivados da adaptación das infraestruturas e de contratación de profesorado que exixen os protocolos da Consellaría e do Ministerio de Educación fronte á pandemia. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao rematar esta quinta feira, 12 de novembro, a reunión do Consello do Goberno, subliñando que 25% do alumnado galego cursa estudos neste tipo de centros.

O anuncio do mandatario veu seguido doutro: a convocatoria de máis de 7.000 prazas públicas, case un millar na oferta pública de emprego (OPE) sanitaria, en cuxos baremos terán "un plus" quen prestasen servizos durante a pandemia ou traballado en hospitais comarcais e centros de saúde "afastados das cidades".

Para a Administración galega serán 2.741 prazas, das que  1.215 se destinarán para o Consorcio de Servizos Sociais, por vez primeira. Para o Servizo Galego de Saúde (Sergas) irán 985 prazas e 3.654 serán as de Educación.

"Todo parece indicar", dixo o presidente, que no que aínda queda de ano non se levarán a cabo os procesos selectivos por mor da pandemia.

A oferta de 2020 "imos facela nalgunhas categorías coa OPE de 2021 e noutras, no caso de que aínda estea sen convocar, coa de 2019. A nosa intención é facer unha operación acordeón e agrupar", indicou. "Espero que en 2021 poidamos dar conta da OPE de Educación -que estaba prevista para xuño deste ano e que se tivo que adiar pola pandemia-, Sanidade e Administración xeral", resolveu.

Así mesmo, Núñez Feixoo recordou a obriga da Xunta da Galiza de avisar do proceso con, como mínimo, un mes de antelación aínda que adiantou a intención da Xunta de "dar tempo" ás e aos opositores para que poidan "repasar" e desexoulles sorte. 

Axudas a autónomos

Na reunión, o Consello da Xunta aprobou medidas para axudar as e os profesionais por conta propia consistentes en 10 millóns de euros para realizar préstamos directos que van dos 3.000 até os 500.000 euros -en caso de empresarios con varios negocios-.

Con todo a Xunta segue sen atender unha das demandas da hostalaría como é a condonación de impostos mentres se lles prohiba traballar e a redución dos alugueres a 50%, tal e como ordenou a Generalitat de Catalunya logo de decretar o fechamento de bares.

Porén, Feixoo pasou o balón ao Goberno estatal, ao que demandou bonos e axudas á hostalaría, prolongación dos ERTE até maio do ano que vén, aprazamento das cotas de autónomos, do imposto IRPF e de sociedades; ao tempo que volveu pedir aos concellos que reduzan as taxas municipais á hostalaría. O presidente quixo parabenizar a liña de axudas implantada pola Deputación da Coruña e o concello herculino para apoiar este sector e falou de que haberá tamén unha axuda para que a hostalaría readapte terrazas. 

Transporte a 100%

Se Núñez Feixoo enxalzaba as medidas contundentes da Xunta tamén no transporte, publicándose no Diario Oficial da Galiza (DOG) de 4 de novembro que no transporte de viaxeiros ficarían os asentos contiguos baleiros -salvo en caso de conviventes- ,o DOG de 10 de novembro autoemendaba e permitía ao transporte interurbano ir a 100% dos asentos.

Preguntado por Nós Diario por este cambio de criterio repentino, que en plena pandemia deixa imaxes de autobuses interurbanos con todas as prazas cheas, Feixoo asegurou que "o que tentamos foi reformular, buscar a trazabilidade dos usuarios" e esquivou a pregunta para pedir aos concellos que garantan as restricións de capacidade no transporte urbano, onde si se reduce entre as persoas que van de pé. 
 
Posíbeis restricións

O subcomité clínico da Xunta reunirase hoxe para analizar a evolución da Covid-19 na Galiza e estudar posíbeis medidas, entre elas máis fechamentos perimetrais nalgúns municipios ou da hostalaría.

En reunións telemáticas mantidas con alcaldes de comarcas como a de Bergantiños e Terra de Soneira, representantes de  Sanidade avanzaron que previsibelmente esta sexta feira se aplicarán fechamentos perimetrais ante a evolución negativa dos datos en localidades como Carballo -que pasou de 52 a 126 casos de coronavirus nunha semana-. Feixoo explicou aos medios que o Chantada tamén se atopa nunha "situación comprometida", como a de Carballo. 

A Xunta paga 7,2 millóns de euros ao ensino concertado pola Covid-19
comentarios