A Xunta muda as normas para poder ampliar Sogama

O Consello da Xunta autoriza declarar como "proxecto de interese autonómico" o complexo da empresa pública Sogama en Cerceda, "dado o seu carácter supramunicipal". Con esta cualificación, Sogama poderá ampliar as súas plantas e actividade industrial. 

Valorización de resíduos en Sogama (Foto: Europa Press)
photo_camera Valorización de residuos en Sogama (Foto: Europa Press)

Aos terreos que ocupa Sogama aplícanlles as normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cerceda, que implican unha serie de limitacións en canto a superficie edificábel, volumes e alturas máximas, condicionando as actuacións que se leven a cabo no complexo para ampliar as instalacións. Mais agora esta situación decaerá co acordo da Xunta deste 15 de xullo de declarar o complexo "proxecto de interese autonómico". O ámbito de actuación proposto ten unha superficie de algo máis de 800.000 metros cadrados e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais edificacións.  

Nese sentido, o Goberno acordou autorizar a licitación do servizo de xestión das plantas de coxeración e de termoeléctrica do complexo de Sogama por un importe de máis de 256 millóns de euros. O obxectivo, segundo dixo na comparecencia posterior á reunión do Executivo o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, é "seguir garantindo a valorización enerxética da parte non reciclábel contida no lixo en masa e recollida a través do contedor verde convencional". Nese labor intervén a planta de coxeración coa produción da calor necesaria para o secado desta fracción non reciclábel do lixo. O combustíbel xerado derivados dos residuos alimenta as caldeiras da planta termoeléctrica de Sogama. 

A decisión do Goberno galego chega unha semana após a comparecencia do presidente de Sogama, Javier Domínguez, no Parlamento, onde admitiu que o complexo vai "regular" a respecto da reciclaxe, pois recíclase o 15% dos residuos, cando o obxectivo era alcanzar 30% en 2020. No debate, a oposición criticou que, co colapso do modelo Sogama e da planta de Cerceda, estanse a realizar desvíos de residuos e envorcado directo dos mesmos no vertedoiro de Areosa.

Toque de recoller e mantemento do lecer

Noutra orde, Rueda informou da aprobación polo Goberno do Plan de catedrais que, con 38 millóns de euros, permitirá a mellora da conservación destes edificios. Tamén anunciou que nos vindeiros meses activarán catro liñas de axudas por valor de 12 millóns para mellorar as infraestruturas turísticas e apoiar os sectores económicos do turismo e da hostalaría

Nese sentido asegurou que "non está encima da mesa"  implantar un toque de recoller na Galiza para frear o aumento de contaxios do coronavirus, nin sequera á 1 da mañá, como pediron algúns profesionais. Pola contra, avogou por medidas restritivas que permitan compatibilizar a saúde co funcionamento da hostalaría.  

Así se pronunciou ao ser preguntado polos medios antes de reunirse con representantes do sector do lecer nocturno e da hostalaría. Preguntado pola obrigatoriedade de presentar unha PCR negativa, Rueda explicou que, por unha banda, sectores da hostalaría piden que se implante esta proba ou o certificado de vacinación para acudir aos locais para así "garantir que poderán seguir traballando". Porén, recoñeceu que hai unha "preocupación lóxica" polo impacto que esta medida poida ter.

Comentarios