A Xunta blinda as residencias privadas ocultando os datos de falecementos nelas
Desde a irrupción da pandemia faleceron 817 residentes con Covid-19 na Galiza confirmados por proba diagnóstica de infección activa (PDIA) e 27 con Covid-19 compatíbel. Dese total, 788 diagnosticadas (máis 23 con síntomas compatíbeis) foron usuarias e usuarios de centros residencias da terceira idade.
Estes datos, extraídos das estatísticas oficiais do Imserso, foron transformados esta terza feira, 9 de novembro, en forma de ratio polo PP no Parlamento galego. O deputado popular Alberto Pazos defendeu no pleno que a Galiza é a segunda comunidade no Estado con menor ratio de persoas falecidas por Covid-19 nos centros xeriátricos. Criticou ademais “a teima" do BNG e PSdeG "en obviar os datos que se coñecen e que acreditan que na Galiza se fixeron as cousas mellor".
Todo o contrario opinou a oposición. A vicevoceira do BNG na Cámara, Olalla Rodil, cualificou de "opacidade" a actuación do Goberno galego ao "negar o acceso á información publica". Como exemplo puxo a negativa da Xunta a achegar aos medios e grupos parlamentarios as cifras das e dos residentes falecidos desagregados por centros privados. Esta falta de transparencia, dixo, "responde a unha vontade de protexer os intereses da empresa DomusVi que concentra a maioría de prazas concertadas e privatizadas". Rodil aludiu aos datos de falecementos nas residencias públicas, que a Xunta se viu obrigada a presentar de forma debullada por unha exixencia de transparencia, e que amosa que á altura de agosto os centros de titularidade da Xunta sumaban 80 falecementos dos que 40 correspondían a centros coa xestión outorgada a DomusVi.
A nacionalista tamén puxo como exemplo da falla de transparencia do Goberno galego a negativa deste a achegar os nomes das persoas que compoñen o comité asesor sociosanitario para estabelecer o novo modelo residencial.
"Quen e sobre que datos e análises está decidindo cal vai ser o modelo de residencias deste país? Por que se crean órganos paralelos á lei? Para que a Xunta se coide de quen senta no comité e teledirixa o debate para facer do dereito á vellez un suculento negocio para as empresas", dixo.
Novo modelo de coidados
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Marina Ortega reclamou "un novo modelo de coidados" para as persoas maiores. Fíxoo con motivo da presentación dunha moción do grupo socialista -que foi rexeitada polo PP- para reclamar á Consellaría de Política Social que presentase no Parlamento un novo modelo residencial.
Ortega apoiou ademais a demanda de colectivos de persoas usuarias de residencias e familiares destas para que se constitúa unha comisión de investigación sobre a crise acontecida nas residencias. Afeou á Consellaría que cualificara a crise das residencias de “polémicas artificiais” cando “o único artificial son as solucións que pretenden vender á cidadanía metendo robots para o coidado das persoas maiores nas residencias”.
Por último, reivindicou “máis medios humanos que propicien uns coidados de calidade e con persoal en situacións laborais óptimas que permitan facer o seu traballo, con condicións que dean acomodo á valía das grandes profesionais que temos na Galiza”.