A Xunta afirma agora que Altri consumirá até 55,3 millóns de litros diarios de auga

Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, na sesión de control parlamentaria de onte. (Foto: Nós Diario)

A celulosa de Altri volveu enfrontar esta cuarta feira o Goberno galego e a oposición no Parlamento. Mentres Pontón e Besteiro reclamaron a Rueda un cambio de postura sobre o proxecto, o presidente defendeu as bondades da pasteira, cuxo consumo diario de auga elevou agora a conselleira Ángeles Vázquez.

Un dos aspectos chave e, ao tempo, máis polémicos do proxecto de Altri chegou esta cuarta feira á Cámara galega. A parlamentaria nacionalista Montserrat Valcárcel interpelou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sobre o estado de tramitación do proxecto de captación de auga ao día por un período de 75 anos para a celulosa de Palas de Rei, na comarca da Ulloa, desde o encoro de Portodemouros, emprazado entre Arzúa, Vila de Cruces e Agolada, nas comarcas de Arzúa, O Deza e Terra de Melide.

Valcárcel detallou que “a macrocelulosa non só detrae do encoro de Portodemouros 46 millóns de litros cada día, que representa  9% do volume medio do encoro, senón que devolve perto de 30 millóns de litros, o que no seu conxunto significa que a calidade da auga no río Ulla e que logo vai chegar á ría de Arousa é menor”. Nesta orientación, avanzou que “haberá menos auga e máis contaminada” e alertou de que “compromete non só a viabilidade ambiental do ecosistema senón tamén o abastecemento para consumo humano de ao redor de 145.000 persoas que se fornecen do río Ulla”.

Os datos de Vázquez

A conselleira de Medio Ambiente asegurou que “o consumo real de auga será de 5% e nos meses de estiaxe de 2%”. Na mesma dirección, apuntou que “o caudal medio que solicitou a empresa é de 0,532 metros cúbicos por segundo, cun máximo de 0,640 metros cúbicos por segundo, valores moi inferiores aos dispoñíbeis neste encoro". Así, os consumos no primeiro suposto alcanzarían os 46 millóns de litros de auga diarios e no segundo os 55,3 millóns de litros de auga ao día.

Vázquez gardou silencio sobre a data de autorización de concesión de Augas da Galiza a Altri, solicitude que colectivos ecoloxistas como Adega consideran caducada por incumprir os prazos legais fixados pola lexislación. Respondeu que o proxecto terá un impacto ambiental na bacía do río Ulla mais matizando a “contaminación non é apreciábel”.

O debate sobre a concesión a  Altri da captación de augas do encoro de Portodemouros veu precedido dunha dura discusión da portavoz do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, co presidente galego, Alfonso Rueda, a respecto da celulosa. A iniciativa da multinacional portuguesa volveuse coar unha vez máis na sesión de control parlamentaria ao mandatario, quen asegurou que “o debate ambiental está fechado" malia carecer a pasteira, entre outros permisos desta índole, da autorización ambiental integrada,  cuxa aprobación está prevista para o mes de xuño.

Sesión de control

Alfonso Rueda limitouse a reiterar os argumentos esgrimidos pola súa formación durante esta semana. Culpou os colectivos opostos a Altri de “levantar bulos, mentir e manipular” e asegurou que os nacionalistas e os socialistas “ou son inútiles, ou son mentireiros ou non se decatan  de nada”. Ao tempo, insistiu en trasladar a responsabilidade sobre o futuro do proxecto ao Executivo estatal, acusando Pontón de “xogar a crispar, tensionar e enfrontar” e instando Gómez Besteiro de non “ser a persoa que influíu para que os fondos de Altri non viñesen para Galiza”.

A voceira nacionalista reclamou a Rueda “rectificar” en relación a Altri. Nunha intervención na que comezou lembrando a masiva manifestación do pasado sábado na Pobra do Caramiñal (O Barbanza) contra a celulosa, cualificou a declaración de impacto ambiental (DIA) favorábel da Xunta como “unha decisión política do Goberno galego, que aproba normas a medida de Altri”. Neste punto, definiu o proxecto da multinacional portuguesa como “un atentado ecolóxico” e amosouse convencida de que “esta batalla ímola gañar”.

As razóns de Pontón

Pontón acusou Rueda de que, “no seu empeño por ser o comercial de Altri, está roldando a prevaricación”. Nesta orientación, preguntoulle se “de verdade está disposto a converter Galiza nun gran eucaliptal e os nosos montes nun polvorín en pleno cambio climático” e de “impor unha macrocelulosa que envelenaría o río Ulla e a ría de Arousa, pondo en risco miles de postos de traballo na terra e no mar”. Neste punto, volveu interpelar o mandatario galego: "Se a macrocelulosa é tan boa, por que non a queren en Portugal?”.

Gómez Besteiro manifestou que, “se fose polo PSdeG, Altri non levaría un euro de fondos públicos, porque nin cumpre, nin o merece”, e denunciou que “Altri é unha gran mentira desde o primeiro día”. Nesta liña, argumentou que “o proxecto foi presentado como unha fábrica téxtil e agora mesmo nin no propio Goberno se poñen de acordo", dado que "uns falan de fibras, e outros, de celulosa”. Ao tempo, apuntou que “as promesas de creación de 2.500 empregos directos foron falsas”.

O líder do PSdeG criticou tamén a “farsa que a Xunta da Galiza quere impor con cartos de todas e todos” e asegurou que Rueda “está atado a este proxecto” dunha celulosa en Palas de Rei. A este respecto, indicou “que a suposta viabilidade económica de Altri quedou en nada cando a propia empresa recoñeceu que sen os 250 millóns de euros públicos non podería saír adiante”.

Altri transluce un debate de fondo sobre o modelo de país

A esgrima parlamentaria agocha moitas veces os debates de fondo. Na sesión plenaria desta cuarta feira aconteceu todo o contrario e as argumentación achegadas polo presidente do Goberno galego e os voceiros da oposición evidenciaron que a batalla sobre Altri transluce unha discusión estrutural sobre os deseños económicos das diversas formacións, os intereses aos que responden as súas políticas e, en definitiva, sobre o modelo do país.

Alfonso Rueda defendeu as bondades do proxecto industrial da pasteira e incidiu no seu impacto económico positivo para as comarcas onde se implante e para o conxunto do sector forestal galego. Nesta liña, reclamou fondos públicos a fondo perdido do Goberno estatal por unha contía de 250 millóns de euros para financiar a iniciativa impulsada pola multinacional lusa.

As forzas da oposición contrapuxeron á proposta defendida por Rueda un modelo de desenvolvemento autocentrado, que aposte por actividades económicas de alto valor engadido e cuestione a especialización da Galiza como territorio centrado na produción de madeira de eucalipto. Neste punto, Gómez Besteiro acusou o proxecto de Altri de “alterar o modelo forestal galego” e asegurou que “Galiza non pode seguir destinando os seus recursos forestais a aumentar a produción de celulosa".

Ana Pontón apostou por un sector transformador cun peso decisivo das “empresas tecnolóxicas e de vangarda ou de produción de alimentos, sector estratéxico para o desenvolvemento económico e social galego”, e acusou Rueda de “quere traer aquí o franquismo industrial e, 60 anos despois, unha nova Ence”. Tamén chamou a defender os “ 4.000 empregos que hai na comarca de Arzúa e na Ulloa no sector do agro e os 19.000 da ría de Arousa”.