O PP defende Altri e ve "manipulados" e "politizados" a quen se mobilice o sábado na Pobra
O portavoz parlamentario do PP da galiza, Alberto Pazos Couñago, acompañado do eurodeputado popular Adrián Vázquez, reivindicaron o proxecto da pasteira lusa Altri en Palas de Rei (A Ulloa) e criticaron con dureza "as mentiras" que, ao seu modo de ver, trasladan formacións como o BNG, á vez que recalcaron que a pelota está agora no tellado do Goberno español, que deberá decidir se dá fondos europeos.
Ás portas da protesta convocada para este sábado, preguntado acerca de se considera que quen a secunden fano unicamente por estar "manipulados", Pazos contestou: "Non, creo que algúns, que van de boa fe, están manipulados. Creo que hai algúns que están politizados. E creo que hai algúns que o que van é a manipular. De todo hai na viña do señor".
O portavoz popular apelou a "ser respectuosos" co traballo dos técnicos da Xunta e a proporcionar á galegos "información veraz". "Neste Parlamento escoitamos que imos cambiar o sabor do queixo de San Simón, e que imos criar pirañas no Ulla. Iso escoitouse aquí, que imos converter o Ulla nun paraíso tropical. E non se pon colorados", reprobou.
Pola súa parte, Adrián Vázquez incidiu en que Europa está a perder peso na economía mundial e non é que "pida" senón que "exsixe" que se aposte polos proxectos industriais que xeren postos de traballo ("2.500 empregos", dixo, no caso de Altri, cando a propia multinacional fala de 500).
Neste sentido, queixouse de que o BNG é "un partido tremendamente euroescéptico" ao que "lle dá igual que Altri fabrique fibra téxtil ou caramelos". "Por oporse ao Goberno da Xunta, están dispostos a que lles margue un doce. Viven de facer oposición e están condenados a permanecer nela", advertiu.

