Xácome recorrerá a súa imputación por prevaricación: "É innecesario pedir permiso"

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, anunciou que recorrerá o auto xudicial que o imputa por un delito continuado de prevaricación, ao considerar que non era necesario solicitar compatibilidade para exercer simultaneamente como rexedor e propietario dunha televisión local.

Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, amosou a súa “sorpresa” tras coñecerse o auto da Sección de Instrución número 1 do Tribunal de Instancia de Ourense que o imputa por un presunto delito continuado de prevaricación. A causa céntrase en non ter solicitado a compatibilidade para exercer o cargo de rexedor con dedicación exclusiva mentres mantiña a súa actividade como propietario de Auria TV.

Nunha publicación nas súas redes sociais, Xácome restou importancia á acusación e asegurou que non era necesario pedir autorización ao pleno municipal. “Sorprendido me atopo. De todas as acusacións gravísimas que me teñen feito no pasado, todas arquivadas, agora resulta que me queren xulgar por non pedir permiso ao pleno do Concello para ter unha televisión”, sinalou.

O rexedor avanzou que recorrerá a resolución xudicial ante a Audiencia Provincial ao considerar que existen “motivos de sobra” para o sobresemento da causa. “Apelaremos para que se revoque este auto. Sobran os motivos para arquivar o proceso sen necesidade de chegar a xuízo”, engadiu.

Pola súa parte, o xuíz instrutor considera “evidente” que Xácome estaba obrigado a solicitar a compatibilidade entre o exercicio do cargo público e a súa actividade empresarial. Segundo recolle o auto, debía someter a cuestión ao pleno do Concello de Ourense para que este decidise se era ou non compatíbel manter ambas funcións.

A resolución tamén detalla as retribucións percibidas polo alcalde desde 2020 até novembro de 2025, que superan os 400.000 euros en total, ao desempeñar o cargo en réxime de dedicación exclusiva. O caso abre unha nova fronte xudicial para o rexedor ourensán, que insiste en que a causa carece de fundamento e confía en que sexa arquivada nas vindeiras fases do proceso.

Comentarios