A Xustiza imputa o alcalde de Ourense, Pérez Xácome, por prevaricación

Un xuíz de Ourense acorda continuar o procedemento contra o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, ao apreciar indicios dun delito continuado de prevaricación por non solicitar a compatibilidade entre o seu cargo con dedicación exclusiva e a súa actividade privada, especialmente á fronte dunha televisión local.

O alcalde de Ourense intervindo nun Pleno do concello (Foto Rosa Veiga Europa Press)
O alcalde de Ourense intervindo nun Pleno do concello (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O maxistrado da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, praza 1, imputa ao alcalde de Ourense a posíbel comisión dun delito continuado de prevaricación por non solicitar a compatibilidade entre a súa condición de rexedor municipal con dedicación exclusiva e o desenvolvemento de actividades profesionais, en especial a dirección dunha televisión local.  

Por iso, o xuíz instrutor dá por concluída a investigación e decreta que se continúe a tramitación das dilixencias previas polos trámites do procedemento abreviado, por se os feitos imputados ao alcalde fosen constitutivos do devandito delito, tipificado no artigo 404 do Código Penal. Así, ordena que se dea traslado ao Ministerio Fiscal e á acusación particular, a fin de que formulen escrito de acusación, solicitando a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa, sen prexuízo de que poidan solicitar excepcionalmente a práctica das dilixencias complementarias que consideren imprescindíbeis para formular a acusación.

Obstrucionismo

Na resolución, o xuíz matiza que non se cuestiona que o alcalde careza da compatibilidade, senón o feito de que, estando obrigado, non a solicitase. Non o fixo en sete anos, desde que accedeu á Alcaldía en 2019, malia a obriga legal de contar cunha declaración formal de compatibilidade por parte do pleno municipal. Así, salienta que o artigo 13 do regulamento de organización e funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado por Real Decreto 2568/1986, é "claro e meridiano" ao afirmar que o recoñecemento da dedicación exclusiva dun membro dunha corporación require declaración formal de compatibilidade por parte do pleno da entidade local cando ese membro desempeñe ocupacións marxinais que sexan remuneradas.  

"No suposto de autos, é evidente que as actividades que desenvolve o señor alcalde fóra do Concello de Ourense, en especial a dirección de Auria TV, lle supoñen ingresos de certa entidade", destaca o maxistrado no auto, no que recalca que é "evidente" a obriga que ten o alcalde de solicitar a compatibilidade, polo que conclúe que a súa decisión de non instar a declaración de compatibilidade "só obedece ao seu interese particular".

O titular da sección de Instrución número 1 lembrou que o alcalde cobrou desde 2020 –ano cuxos datos fiscais facilitados en cumprimento da Lei de transparencia acreditan unha base impoñíbel do seu IRPF de 212.000 euros, o triplo do seu soldo público– e até novembro de 2025 –cando se recibiu a certificación xudicial– máis de 400.000 euros pola súa condición de rexedor, recibindo 69.925,94 en 2020, 70.555,24 euros en 2021, 73.024,70 euros en 2022, 75.215,42 euros en 2023, 77.457,30 euros en 2024 e 66.699,96 euros en 2025.

O titular da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, praza 1, asegura que non é axustado á lei que o investigado "realice unha interpretación individualizada e totalmente favorábel aos seus intereses, afirmando que non ten obriga de presentar a solicitude de compatibilidade". Por iso, incide en que tería que presentar ante o pleno do Concello de Ourense a cuestión para que valorase se lla recoñece ou non. A iso engade que ao pleno lle corresponde "valorar se esa explotación pode incluírse dentro do concepto de administración do patrimonio privado ou familiar" e, en caso de discrepancia, afirma que "deberían ser os tribunais da xurisdición contencioso-administrativa os que decidisen".

O xuíz conclúe que a posición do rexedor municipal ao non solicitar a compatibilidade a teor da normativa indicada é "totalmente arbitraria e carecedora do máis mínimo respaldo legal ou xurisprudencial, e iso con independencia de que se lle recoñeza ou non". 

O maxistrado engade que o rexedor se "desentendeu por completo" de avisos previos, como o acordo do pleno do Concello de Ourense do 3 de decembro de 2021, que instaba o alcalde a que renunciase ao seu soldo municipal por ser "claramente incompatíbel", ou o contido do decreto da Fiscalía de Ourense do 13 de maio de 2024, que o advertiu "da situación irregular" na que se atopaba. O instrutor asegura que "o único respaldo do que dispón o señor alcalde" é un informe xurídico/económico "que carece do máis mínimo rigor e, polo tanto, que en nada ampara a súa conduta".

No auto tamén sinala que o rexedor era "consciente da inxustiza que podería xerar esa situación e do grave dano que se lle causaba ás arcas municipais ao cobrar unha cantidade en concepto de salario á que non tería dereito se non se lle recoñece a compatibilidade discutida". Nese sentido, salienta que se debe ter presente "que é perfectamente posíbel que durante un período aproximado de sete anos o señor alcalde viñese cobrando das arcas públicas unha suma á que non tería dereito no caso de que o pleno da corporación ourensá non lle tivese concedida a compatibilidade, cuestión sobre a que non puido manifestarse polo comportamento obstrucionista do alcalde ao non solicitar a compatibilidade".

Neste sentido, o maxistrado destaca o "estraño comportamento do señor alcalde" ao lembrar que "no seu día se presentou un escrito solicitando a compatibilidade" que posteriormente retirou "cando se ía a celebrar o pleno" no que se ía a analizar se procedía ou non conceder a compatibilidade. "Leva a pensar que nese momento o señor alcalde tiña plena conciencia de que non se lle ía recoñecer a referida compatibilidade", engadiu.

Anulado o cesamento da tesoureira municipal

Por outra parte, unha sentenza da Sección do Contencioso-administrativo do Tribunal de Instancia de Ourense vén de anular o cesamento da tesoureira municipal, unha decisión que o Concello xa avanzou que recorrerá ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. A resolución estima a demanda da funcionaria e condena o Concello á súa reincorporación e ao pago dos efectos económicos pendentes.

Nunha mensaxe no seu perfil da rede social X, Pérez Xácome afirmou que recorrerán unha "sentenza que consideramos unha intromisión inaceptábel nas facultades organizativas da Administración local" e na que reivindicou a "a soberanía da Alcaldía na xestión dos seus equipos".

Comentarios