Xácome declara como investigado por un suposto desvío de fondos públicos á súa televisión privada

O alcalde de Ourense eludiu atender os medios ás portas do xulgado, aos que despachou cun "ide á merda".

Gonzalo Pérez Xácome, este 22 de setembro á saída do Xulgado de Ourense. (Foto: Europa Press)
Gonzalo Pérez Xácome, este 22 de setembro á saída do Xulgado de Ourense. (Foto: Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá), declarou esta segunda feira ás 9.15 horas ante o xulgado de Instrución nº 1 de Ourense, como investigado por un suposto delito continuado de prevaricación administrativa e de malversación de fondos públicos por un presunto desvío de diñeiro á televisión privada Auria TV, "estreitamente relacionada co alcalde".

Esta declaración prodúcese tras a denuncia presentada ante a Fiscalía de Ourense por Jose Manuel Palacios, ex asesor do grupo de Goberno de Democracia Ourensá (DO), o pasado 20 de decembro de 2024.

Na denuncia Palacios inculpaba o alcalde de Ourense pola adquisición de "material técnico inventariábel" por un valor de "3.946,29 euros" dentro dun pedido "financiado con fondos municipais" de "8.698,04 euros" totais.

O denunciante recalcaba que o material foi utilizado "exclusivamente" en "actividades vinculadas" a Auria TV, unha "canle privada vinculada ao alcalde", e tamén lle atribúe recorrer a funcionariado municipal para "desempeñar funcións exclusivas como cámara" na canle de televisión, que son "alleas ás competencias propias" do cargo.

Contratación dun asesor

Nesta liña, o ex asesor subliñaba que a contratación, neste caso, de Germán L., asesor político do grupo de goberno do Concello de Ourense, como cámara "desde abril de 2021" até a data da denuncia (decembro de 2024), ascendía a "178.930 euros" para o "pago do salario e cotizacións sociais".

Palacios incidía en que os "contidos institucionais" da administración municipal, "como vídeos de plenos municipais, roldas de prensa e outras actividades oficiais", "non están dispoñíbeis" nas súas plataformas oficiais, senón que "son difundidos de maneira exclusiva a través de Auria TV".

A continuación, a denuncia destacaba que isto supón unha "vulneración" dos "dereitos cidadáns" de "acceso igualitario á información", así como dos "principios fundamentais" de transparencia" e "imparcialidade", "en beneficio de intereses privados" e "en detrimento do interese xeral".

Entre as demandas, o ex asesor do Concello de Ourense solicitaba a suspensión da "centralización da comunicación institucional en plataformas privadas", mentres se tramita a investigación, e garantir que "os recursos do Concello non continúen sendo utilizados para fins privados".

Pola súa banda, o rexedor ourensán, acompañado do seu avogado e da edil de Dinamización e Política Social, Noa Rouco, negouse a atender os medios de comunicación que se congregaron esta segunda feira ás portas do xulgado, e eludiu facer manifestacións, nin á entrada nin á saída. Así, Pérez Xácome despachou os xornalistas cun "ide á merda".

Comentarios