Xácome é citado a declarar por un suposto delito de apropiación indebida ao realizar actividades económicas á marxe do Concello
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, foi citado a declarar, en calidade de investigado, perante o xulgado de Instrución nº1 de Ourense o día 13 de febreiro de 2026 por un suposto delito de apropiación indebida tras a denuncia presentada polo ex concelleiro de Democracia Ourensá (DO) no Concello de Ourense Telmo Ucha.
Segundo recolle a querela, o alcalde "ten dedicación exclusiva para o exercicio das súas funcións", cunha "asignación exclusiva de 74.850,30 euros", aprobada no pleno do 12 de xuño de 2023, mais "realiza actividades mercantís e privadas con grandes ingresos".
"O máximo mandatario sempre nos dixo que se dedicaba ao labor de goberno, parece ser que nos enganou non só aos seus entón compañeiros se non a toda a cidadanía", recalcou o querelante na denuncia.
Ademais, o ex concelleiro de Democracia Ourensá indicou que o propio Pérez Xácome "recoñeceu levar a cabo actividades mercantís" e "cobrar outras cantidades a maiores das propias da dedicación exclusiva".
Nesta liña, sinalou que o rexedor ourensán "seguiu exercendo unha actividade empresarial" e "utilizando os ingresos do Concello, do partido e das contratacións" de maneira "absolutamente opaca e nada transparente".
Ao respecto, Ucha defende que se trata dunha "actuación ilegal" que "debe implicar a devolución íntegra de todos os salarios percibidos en réxime de dedicación exclusiva, como mínimo, dos últimos catro anos".
Así mesmo, segundo recolle o auto xudicial emitido polo Xulgado de Instrución nº1 de Ourense, requírese ao Concello a remisión dunha copia de certificado "sobre os salarios recibidos polo alcalde durante o mandato 2019-2023 e desde 2023 até a actualidade".

