Actualizar o Estatuto sería unha viaxe a ningunha parte, di Feixoo

Era 2010 e Alberto Núñez Feixoo levaba un ano como presidente da Xunta cando expresou o seu compromiso de presentar naquela lexislatura (2009-2012) unha "reforma constitucional" do Estatuto de Autonomía. Máis dunha década despois, aquel “compromiso” non só fica pendente senón que Feixoo é contrario a abordalo. 

Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, na sesión de control ao Goberno galego (Fotos: Arxina).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, na sesión de control ao Goberno galego (Fotos: Arxina).

Desde o seu escano no Parlamento galego, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, rexeitou impulsar a actualización do Estatuto de Autonomía de 1981, asegurando que implicaría “embarcar Galiza” nunha “viaxe a ningunha parte".

Pese a pasaren más de 10 anos do seu compromiso pola reforma estatutaria, esta cuarta feira, 24 de novembro, Feixoo apoiouse na pandemia, na crise industrial e na alza dos prezos para aseverar que o contexto non é adecuado para “pór en cuestión o marco constitucional estatutario”, á vez que non se podería "garantir" que non houbesen “interferencias soberanistas ou independentistas".

Ao tempo, reprochou ao grupo nacionalista que no último intento de reforma estatutaria (no Goberno bipartito 2005-2009) o BNG “conformábase con nación, agora pide unha República da Galiza". Lembrou que entón os nacionalistas eran "máis minoritarios". "Lamentabelmente", engadiu, antes de apostilar que se refería a que é "lamentabelmente para o PSOE", ao ficaren estes por baixo do BNG nas últimas eleccións galegas.

Así o trasladou Feixoo na sesión de control que este 24 de novembro transcorreu Cámara galega, onde o portavoz parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, reivindicou o "compromiso galeguista" do PSdeG e defendeu que, unha vez se fechen "as últimas páxinas" da pandemia, sería conveniente "abrir unha nova etapa na autonomía" coa reforma estatutaria. E para logralo, Caballero instou o PP, con Feixoo á fronte, a "separarse de Abascal e Ayuso".

Matrix no Parlamento

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou Feixoo de estar desconectado da xente e de vivir instalado nunha realidade virtual construída a base de propaganda: “Vostede está no Matrix de Monte Pío e esa desconexión impídelle escoitar os milleiros de persoas que saen á rúa a protestar contra un presidente que se ten convertido nun problema”.

Nese sentido, a nacionalista aludiu ás recentes mobilizacións en defensa da sanidade pública e polo traballo e o futuro da comarca da Mariña, aos protestos das e dos produtores que reclaman prezos xustos ou "ás mulleres que este 25-N volverán encher as rúas contra as violencias machistas”.

Pontón recalcou que hai solucións para os problemas que están detrás da onda de mobilizacións, “o que se precisa é vontade política", dixo.

Nese sentido, instou a acordar un plan industrial para a comarca da Mariña que inclúa a intervención pública da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo). “Non lle dá vergoña vir a este Parlamento e votar en contra de rescatar Alcoa?, interpelou Pontón. A nacionalista tamén pediu reforzar con 200 millóns a Atención Primaria como "primeiro paso para reverter 12 anos de recortes". “Cantas manifestacións máis precisa para escoitar?”.

Tamén propuxo "sentar na mesma mesa" industria, distribución e produtores para acabar cos baixos prezos no sector agrogandeiro, “pois eson as persoas que nos alimentan e teñen dereito a que se lles pague un prezo xusto”. Ademais, reclamou investir 1% do orzamento da Xunta á loita contra a violencia machista.

Comentarios