Axenda galega

Villares reclama que o acordo responda ás emerxencias da Galiza

O portavoz de En Marea demanda a PSOE e Unidas Podemos que poñan en marcha políticas para afrontar «as tres emerxencias» que afronta a Galiza: a feminista, a climática e a social. Tamén lles demanda compromisos cunha «axenda galega» que se reflictan nos orzamentos de 2020.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

O Goberno central que formen Unidas Podemos e PSOE debe, en opinión de Luís Villares, priorizar a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral, así como asumir compromisos orzamentarios coa Galiza

O portavoz de En Marea e o grupo mixto no Parlamento da Galiza, Luís Villares, preguntouse esta terza feira, 12 de novembro, após coñecer o principio de acordo entre PSOE e Unidas Podemos, se «facía falta unha repetición electoral e o ascenso da extrema dereita para que lles viñese o sentido» e alcanzasen un acordo de Goberno no Estado.

En declaracións aos medios nos corredores da Cámara galega, Villares indicou que espera que o novo goberno acometa «medidas contundentes para a recuperación das liberdades públicas" e para acabar coa ditadura da precariedade laboral», derrogando tanto a lei mordaza como a reforma laboral aprobada polo PP.

Villares reclamou como necesaria a «existencia dunha auténtica axenda galega para que os orzamentos de 2020 non cometan o mesmo agravio que os de 2019», expresión que semella unha alusión ao BNG, que volve ao Congreso e cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, condicionou o apoio do BNG precisamente á existencia desa «axenda galega».

Comentarios