Valoracións do preacordo

Común da Esquerda valora o acordo como o camiño para botar Feixoo

A viceportavoz do grupo parlamentario Común da Esquerda Luca Chao asegura que «os problemas fundamentais da Galiza van estar sentados no Consello de Ministros».

Luca Chao, viceportavoz do Grupo Común da Esquerda
photo_camera Luca Chao, viceportavoz do Grupo Común da Esquerda

Para o grupo parlamentario Común da Esquerda, formado por Anova, Podemos e EU, o principio de acordo para un Goberno central alcanzado por PSOE e Unidas Podemos marca o camiño a seguir para botar Feixoo da Xunta.

A viceportavoz de Común da Esquerda Luca Chao expresou a súa satisfacción polo preacordo de goberno no Estado asinado esta terza 12 de novembro por PSOE e Unidas Podemos, un pacto que, para a tamén membra de Podemos, «marca claramente cal é o camiño para desaloxar a Feixoo da Xunta» nas eleccións galegas previstas para 2020.

En declaracións aos medios nas dependencias de Grupo Común da Esquerda no Parlamento da Galiza, Chao manifestou que esta terza «é un día de alegría e satisfacción» porque «pór fin a vontade progresista expresada nas urnas vaise concretar nun Goberno que poña no centro da axenda» asuntos como as políticas feministas, a loita contra o cambio climático, a blindaxe das pensións ou a regulación dos alugueres.

Con todo, indicou que «non todo se resolve cun acordo para un goberno de coalición», aínda que valorou como «un paso necesario» a formación dun goberno que poña «no centro» as cuestións sociais para así «frear o ascenso do discurso da extrema dereita».

Ademais, a deputada subliñou que o pacto de goberno «tamén é moi positivo para a Galiza porque os seus problemas fundamentais van estar sentados no Consello de Ministros. Non temos ningunha dúbida», apostilou.

Comentarios