Tellado defende que non hai "crise de lexitimidade" no PPdeG

Feixoo nun acto do PPdeG en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O secretario xeral dos populares agarda que os congresos poidan celebrarse "con garantías" na primavera de 2021.

No seo do PPdeG non detectan "ningunha crise de lexitimidade na dirección" polo proceso de renovación que haberá que afrontar cando o actual líder do partido, Alberto Núñez Feixoo abandone o cargo. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, destacou que o congreso vaise atrasar até primavera porque non son conscientes de ningunha dúbida interna.

O obxectivo é que a vacinación masiva para o coronavirus permita que en primavera haxa un encontro presencial "con garantías" de todas e todos os militantes. Así o PPdeG fecha ano co congreso galego e os catro nos territorios provinciais á espera dunha melloría na situación epidemiolóxica.

Aliás a renovación da dirección en clave de país quedan as da Coruña (Diego Calvo); Lugo (Elena Candia); Ourense (Manuel Baltar) e Pontevedra (Alfonso Rueda), que tamén van fóra do prazo habitual pero que están dentro do previsto pola formación política.

Mesmo a nivel municipal hai algúns procesos selectivos pendentes. Tres das sete grandes cidades galegas, por exemplo, teñen xestoras á fronte das divisións locais.

Na Coruña o líder é o novo presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; en Vigo está a deputada e secretaria da Mesa do Parlamento, Corina Porro, e en Compostela o deputado Borja Verea.

A vista na pandemia

Tellado incidiu en que "agora o prioritario é que todos os esforzos se centren na loita contra a pandemia". Polo tanto, atendendo ás súas palabras, as mudanzas dentro do PP galego fican nun "segundo plano".

Ademais, se hai que adiar a data de primavera non habería problema porque non hai ningún tipo de urxencia, porque as eleccións do 12 de xullo avalan". As citas serán cando a pandemia o permita.