Feixoo séntese "orgulloso" dos seus primeiros 100 días de lexislatura

O presidente da Xunta enxalza a súa xestión desde as eleccións do 12 de xullo, a pesar do contexto de crise social e sanitaria.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento galego nunha imaxe de arquivo.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no último pleno de control ao Goberno de 2020. (Foto: Arxina)

"Síntome moi orgulloso dos primeiros 100 días [de lexislatura]", aseverou no pleno do Parlamento o mandatario galego, Alberto Núñez Feixoo, durante a última sesión de control ao Goberno de 2020. Feixoo enarborou a súa xestión a pesar deste ano deixar un país azoutado pola crise económica e sanitaria, que desvelou a precariedade da rede residencial de maiores, na que xa faleceron 568 persoas usuarias a causa da Covid-19. 

Cuestionado precisamente polos grupos da oposición (BNG e PSdeG) en relación á xestión da pandemia, Feixoo esquivou as críticas sobre o seu gabinete aseverando que a oposición estaba en realidade pondo en cuestión o traballo das e dos profesionais sanitarios. O mesmo aconteceu coas críticas de nacionalistas e socialistas sobre a xestión do curso escolar, tornando o presidente a acusala de xulgar as traballadoras e traballadores da educación. 

Feixoo cargou ademais contra os orzamentos do Goberno estatal, "os perores en 17 anos" e engadiu que "o grave non é que o Partido Socialista estea a desmoronarse na Galiza, senón que Gonzalo Caballero -secretario xeral do PSdeG- se convertese no enlace sindical do Goberno estatal". O mandatario galego tamén reprendeu a líder da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón, polo voto do Bloque a favor da investidura de Pedro Sánchez.  


As catro chaves de Ana Pontón para 2021

Para Ana Pontón o Goberno galego está instalado na "improvisación e na falta de anticipación" e "repite" os mesmos erros. Por iso, a nacionalista demandou catro actuacións chave ao Executivo, que pasarían por "reforzar a sanidade pública e, en particular, a Atención Primaria con 250 millóns de euros, máxime agora que se vai encargar tamén da campaña de vacinación”, considerou. Así mesmo, Pontón avogou pola posta en marcha dun "novo modelo de coidados das persoas maiores que garanta unha vellez digna" apostando para iso pola recuperación da "xestión pública das residencias". 

A terceira prioridade enunciada pola líder do Bloque é a posta en marcha dun "plan de rescate real" dos sectores e das traballadoras e traballadores máis afectados polo impacto da Covid-19, e citou en concreto o caso da hostalaría, turismo, comercio, cultura e das e dos autónomos.

Como cuarto eixo, Pontón urxiu a construír e desenvolver "unha estratexia de país para que a Galiza consiga a xestión directa dos fondos europeos de reactivación". A ese respecto, a nacionalista sinalou a necesidade de lograr "un mínimo" de 12.600 millóns.

Por último, Pontón recomendou a Feixoo "baixar do coche oficial e saír á rúa para coñecer a dura realidade”.

Caballero reprende Feixoo por conduta "imprudente" 

O presidente da Xunta defendeu que o protocolo sanitario non o obriga a gardar corentena despois de ser sometido a unha proba PCR e non ser contacto estreito, após coñecerse o positivo da conselleira de Mar, Rosa Quintana. Precisamente sobre esta cuestión puxo o foco Gonzalo Caballero que amosou desde o seu escano unha fotografía de Feixoo paseando a pasada sexta feira con Pablo Casado pola Coruña sen máscara nin distancia de seguridade.

O presidente acusou Caballero de non diferenciar entre "contacto e contacto estreito" e afirmou contar cun dossier "cheo de fotos sen máscara" dos líderes da oposición, pero dixo que "non o ía a utilizar" na discusión política. 

Caballero cualificou de "imprudencia" a conduta do acto do PP con Casado na Coruña. 
 

Comentarios