O sumario do 'caso Montoro' relaciona a alza de primas por interrompibilidade coas eleccións galegas de 2012
Un informe da Dirección Xeral de Policía da Generalitat incluído no sumario do 'caso Montoro' relaciona o incremento das primas relativas ao servizo de interrompibilidade coas eleccións galegas de 2012, das que resultou gañador o candidato do PP, Alberto Núñez Feixoo.
O servizo de interrompibilidade é a remuneración que perciben unha serie de grandes consumidores de enerxía por estar dispostas a non consumir en momentos puntuais de alta demanda do sistema. O seu custo é soportado pola demanda, isto é, pola clientela.
En concreto, o informe analiza as modificacións normativas que afectaron as eléctricas, "para facer constar, sinteticamente, as vicisitudes que acompañaron os cambios lexislativos que afectaron as empresas eléctricas, durante o período en que se desenvolveron os acontecementos investigados".
No apartado relativo á Lei 15/2012, do 27 de decembro, de medidas fiscais para a sustentabilidade enerxética, a Policía da Generalitat sinala que "parece ser que a aprobación desta norma xerou conflitos entre os Ministerios de Industria e Facenda, xa que, por primeira vez, establecíase que unha parte do déficit tarifario xerado pola produción eléctrica fose sufragado con diñeiro público".
Lembra que o proxecto de lei "foi obxecto de multitude de propostas de veto e emendas" e, de entre todas, destaca a presentada polo grupo Esquerda Plural, que foi xustificada por Laia Ortiz.
Oito grandes empresas galegas
"Hai que ter en conta que este debate producíase mentres decorría a campaña electoral polas eleccións ao Parlamento da Galiza do ano 2012", advirte o informe. E cita unha intervención de Laia Ortiz que "facía referencia ao feito de que a proposta do Goberno da nación de subir as primas por interrompibilidade obedecía ao interese por compensar a industria galega".
"Sobre este particular, o diario La Voz publicaba unha noticia onde identificaba a oito grandes industrias galegas, entre elas Ferroatlántica, Megasa, SGL Carbón, Finsa, Elnosa, Celsa Atlántica e Alcoa como beneficiarias duns 50 millóns de euros en primas polo servizo de interrompibilidade", recolle o documento policial incluído no sumario.
A maiores, indica que durante a tramitación desta norma foron aprobadas as emendas presentadas polo grupo do PP e unha das presentadas polo grupo do PNV, relativa a taxas para a importación de electricidade de Europa.
"Nalgunhas das intervencións, diversos grupos políticos aludían a que a reforma enerxética converteuse nunha lei de Montoro, xa que o que facía era recadar novos impostos. Tamén se criticou o aumento do tipo impositivo dun 6 a un 7% e a subida de gastos pola interrompibilidade. En data 2 de xaneiro de 2013 o Congreso dos Deputados aprobou definitivamente o texto", expón.
"Innecesarios os pagos por interrompibilidade"
No informe, a Dirección Xeral de Policía da Generalitat catalá refírese ao servizo de interrompibilidade, "unha ferramenta de xestión da demanda para dar unha resposta rápida e eficiente ás necesidades do sistema eléctrico de acordo a criterios técnicos (de seguridade do sistema) e económicos (de menor custo para o sistema)".
Así, no estudo doutras reformas normativas, como a correspondente ao Real Decreto Lei 9/2013, do 12 de xullo, polo que se adoptan medidas urxentes para garantir a estabilidade financeira do sistema eléctrico, recolle críticas da deputada polo grupo mixto Teresa Jorda i Roura, quen pedía unha "auditoría sobre a globalidade do déficit de tarifa, como os custos de interrompibilidade ou o pago por capacidade, que son dous conceptos que pagamos todos para beneficio, novamente, de cinco grandes empresas". "Cuestionaba así o feito de que algúns dos pagos que influían no déficit de tarifa e que beneficiaba unhas poucas empresas, repercutísese aos consumidores", indica o informe.
No epígrafe arredor da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, recolle que "(...) as críticas centráronse na retroactividade dalgúns puntos da lei, no aumento de orzamento destinado á interrompibilidade do servizo eléctrico e á emenda antes exposta que fixaba un déficit de 3.600 millóns, contravindo totalmente o espírito da lexislación realizada polo PP até o momento, cuxo obxectivo era acabar co déficit tarifario".
Neste extremo, apunta "a circunstancia" de que senadores que se mostraron críticos "fixeron referencia á patronal Unesa" e ao feito de que os investigadores detectaron pagos desta a Equipo Económico, a consultora que fundou o ex ministro Montoro.
Máis adiante, o informe agrega que "outro feito que chama a atención no contexto antes mencionado foi o cambio de criterio do Goberno en relación ás primas por interrompibilidade do servizo de que viñan beneficiando algunhas das principais consumidoras de enerxía".
Destaca que "mentres que o país atravesaba unha das súas maiores crises económicas, que obrigaba a un esforzo fiscal xeneralizado e limitaba o gasto público, e a pesar de que no preámbulo do Real Decreto 13/2012 se reflectía que a sobrecapacidade do sistema facía innecesarios os pagos por interrompibilidade (que representaban algo máis de 500 millóns ao ano), a través da Lei 15/2012, o Goberno do PP incrementaba nun 70% os pagos por este servizo destinados ás grandes empresas consumidoras de enerxía".
"Algunhas destas grandes consumidoras de enerxía tamén constan como clientes de Equipo Económico", incide.