A patronal da celulosa intercambiou correos co Executivo de Mariano Raxoi para obter trato de favor

O ex dirixente do PP Francisco Granados era o contacto no Senado. (Foto: Europa Press)
Facenda, Industria e o grupo do PP no Senado intercederon, presuntamente, por Ence e outras empresas, segundo se recolle no sumario do 'caso Montoro'.

Un par de correos electrónicos intercambiados en outubro de 2013 entre o Ministerio de Facenda, o Ministerio de Industria e a Asociación Española do Sector do Papel e do Cartón (Aspapel) –patronal á que pertence Ence, a firma titular da celulosa de Pontevedra– que aparecen no sumario do 'caso Montoro' mostran que o ex dirixente do PP Francisco Granados estaba "pendente de instrucións" para que a súa formación apoiase no Senado que o sector papeleiro fose incluído na exención do imposto sobre a electricidade.

O primeiro correo

O primeiro deles foi enviado o 7 de outubro de 2013 ao entón secretario de Estado de Facenda, Miguel Ferre, por Alicia Asenjo, da Secretaría do secretario xeral de Industria e da PEME, en nome de Luís Valero, xefe dese departamento.

"O pasado 30 de setembro paseiche unha emenda sobre fiscalidade do imposto eléctrico que presentou o sector papeleiro. Ao parecer ten perigo de que non prospere e sentiríanse discriminados de non aprobarse, xa que sería o único sector industrial significativo que con consumos eléctricos parecidos a outros non terían a bonificación", indicaba ao 'número dous' do ex ministro de Montoro. A continuación, o alto cargo de Industria expuña que "ao parecer o senador do PP Francisco Granados está ao tanto do tema". "E está pendente das vosas instrucións", sinalaba.

O segundo correo

O segundo correo enviouno horas despois, o 8 de outubro, Carlos Reinoso como director xeneral de Aspapel ao secretario de Estado de Facenda, dándolle as "grazas pola atención" para "buscar a forma de incluír o sector papeleiro nas exencións ao imposto eléctrico na Lei de Fiscalidade Ambiental".

"Aínda que entendemos que o Artigo 17 da Directiva 2033/96 permite os estados membro eximir do imposto mínimo a sectores como o noso con alto custo enerxético, para evitar ningún tipo de problemas cremos que a mellor solución sería engadir unha apostila á emenda presentada por CiU no Senado que estipulase que 'en calquera caso o imposto aplicado non poderá ser inferior aos niveis mínimos prescritos na Directiva Europea', o que blindaría a súa legalidade ante Bruxelas", transmitiu a Ferre.

Pagamento de Ence

A policía catalá relata que "finalmente" non foi contemplada a exención na Lei 16/2013 mais "foi contemplada na Lei 28/2014". E menciona que "a empresa Ence" pagou a Equipo Económico uns 116.000 euros, "sendo asociada de Aspapel".