En Marea podería sumar un escano

A suma Podemos-PSOE supera a de PP-Ciudadanos segundo o inquérito da Forta

Fechan os colexios e publícanse as enquisas a pé de urna. A da RTVE e a Forta indica que a suma de Podemos e do PSOE superará á suma do PP e de Ciudadanos. Na Galiza, En Marea podería sumar un escano, a custa do PSdeG-PSOE.

ELECCIONS VOTACIÓNS
photo_camera Un colexio electoral na cidade da Coruña

A enquisa a pé de urna RTVE e da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas (Forta), elaborada pola empresa Sigma Dos a partir de 132.000 entrevistas en 1.100 colexios electorais e 2.720 mesas, reflicte que a suma de Podemos e do PSOE superaría á suma de PP e Ciudadanos.

Segundo esta enquisa, en Galiza o PP obtería 10 escanos; En Marea, entre 6 e 7; o PSOE, entre 5-6 e Ciudadanos, 1. As porcentaxes de voto descoñécense, pois a CRTVG omite a porcentaxe de votos a nivel galego.

Por circunscricións, na Coruña o PP repetiría resultado, 3 escanos; En Marea obtería entre 2 e 3 (o 20D acadou dous deputados); o PSOE, entre 1 e 2 (o 20D contou con 2 parlamentares) e Ciudadanos mantería o seu. En Lugo repetiríase o resultado: 2 escanos para o PP, 1 para En Marea e 1 para o PSOE; en Ourense tamén se repetiría, con 2 escanos para o PP, 1 para En Marea e 1 para o PSOE e en Pontevedra daríase a mesma situación que o 20D, cando o PP sacou 3 deputados, En Marea 2 e o PSOE outros dous.

Dados a nivel estatal

O PP acadaría o 28,5% dos apoios e entre 117 e 121 escanos (o 20D sacara 123); Podemos tería o 25,6% e entre 91-95 escanos (o 20D a suma de Podemos, as confluencias e Unidad Popular en Común acadaran 71); o PSOE situaríase nunha porcentaxe de votos do 22% e con entre 81 e 85 escanos (o 20D obtivera 90) e Ciudadanos, o 11,3% e entre 26-30 escanos (o 20D lograra 40).

Esquerra acadaría entre 10 e 11 escanos, mentres que CDC, que se presentara o 20D coa marca Democràcia i Llibertat, obtería 5 parlamentares. EAJ-PNV ficaría con 5 ou 6 escanos; EH Bildu lograría entre 3 e 4 e CCA-PNC acadaría 1.  

Enquisa de GAD3 para a Cope e o ABC

A enquisa telefónica de GAD3 para a Cope e o ABC coinciden coa enquisa a pé de urna da RTVE e da Forta ao apuntar que a suma de Unidos Podemos e do PSOE superaría á suma do PP e Ciudadanos. Esta enquisa dálle ao PP entre 121 e 124 escanos; a Unidos Podemos, entre 87 e 89; ao PSOE, entre 84 e 86 e a Ciudadanos, entre 29 e 32.

Comentarios