Diminúe 7 puntos na Galiza

Forte queda da participación nos dados da tarde

[ACTUALIZADA ÁS 18.30] Os primeiros dados de participación nas eleccións xerais fornecidos polo Ministerio do Interior reflectían unha suba de apenas medio ponto na Galiza en relación aos comicios do 20 de decembro. Porén, os dados da tarde amosan unha forte queda de perto de 7 puntos, ao pasar do 58,51% do 20D ao 51,70% do 26X.

ELECCIONS2
photo_camera ELECCIONS2

As últimas cifras de participación nas eleccións xerais, fornecidas ás 18.30h polo Ministerio do Interior, reflicten un gran descenso a respeito dos comicios do 20 de decembro. No caso da Galiza e até as 18h, a participación caeu do 58,51% ao 51,70%, isto é, case 7 puntos.

Por circunscricións, na Coruña a participación pasou do 57,69% do 20D ao 51,50% da xornada de hoxe. En Lugo, mudou do 55,46% do 20D ao 49,28% de hoxe. Tamén cae en Ourense, onde pasa do 57,32% ao 50,29% e en Pontevedra, onde a participación cae do 61,03% do 20D ao 53,33%.

Dados da mañá

Até as 14h o nivel de participación na Galiza situábase no 34,03% e subía apenas medio ponto, un 0,61%, a respeito da participación á mesma hora nas eleccións do 20D, cando fora do 36,91%.

Por circunscricións, na Coruña a porcentaxe de participación entre as 9h e as 14h situábase no 33,28%, cando o 20D se situaba no 33,11%. En Lugo caía a porcentaxe a respeito do 20D, así mentres hai seis meses votara o 31,72% das persoas electoras, na xornada deste 26X votaba o 31,20%. En Ourense a participación acadaba o 34,74%, cando no 20D estaba no 33,84%. Foi Pontevedra a circunscrición onde máis crecía a porcentaxe. Votaba, entre as 9h e as 14h, o 35,82%, cando o 20D votara o 34,29%.

Estado

No total do Estado e até as 18h, a participación tamén sufriu unha gran queda. Pasou do 58,22% do 20D ao 51,21% de hoxe. Diminuíu en todas as circunscricións, agás no caso de Zamora, onde subiu apenas un punto.

Os dados da mañá amosaban unha participación a nivel estatal do 36,87%. Era unha porcentaxe  practicamente idéntica ao do 20D até as 14h, cando fora do 36,91%.

En Catalunya a participación caeu perto de 10 puntos, ao pasar do 56,62% do 20D ao 46,38%. En Euskadi a queda é de algo máis de 7 puntos, xa que baixa do 58,97% do 20D ao 51,36%. O mesmo acontece en Nafarroa, onde a participación pasa do 59% do 20D ao 51,77%. E en Madrid soporta unha queda de case 9 puntos ao pasar do 63,37% ao 54,49%.

As seguintes cifras de participación coñeceranse contra as 20h, cando fechen os colexios electorais. Ás 22.30h coñeceranse os resultados provisionais das eleccións.

Comentarios