O Parlamento pide ao Goberno español ampliar o prazo para tramitar eólicos

A proposta saíu adiante co único apoio do Partido Popular.
photo_camera Comisión de Industria.

O Parlamento galego pide que o Goberno español amplíe o prazo de tramitación que deben cumprir os proxectos eólicos que xa contan cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel.

Esta proposta do PP, que saíu adiante coa rexeitamento do BNG  e abstención do PSdeG, busca que a autorización administrativa previa e o permiso de construción se poidan emitir conxuntamente e teñan o mesmo prazo, é dicir, de seis meses desde a aprobación da declaración ambiental.

Os proxectos que contaron cunha DIA favorábel —77 de tramitación da Xunta—, tras un prazo fixado polo Goberno apañol do 25 de xaneiro como data para contar cunha DIA sen perder o permiso de conexión á rede, contan agora cun prazo de tres meses para ter unha autorización administrativa previa e de seis meses para a luz verde para a construción.

Marta Nóvoa (PP) responsabilizou o Executivo estatal da "avalancha" de proxectos eólicos nestes meses derivada de pór unha "data límite" para a tramitación.

Ramón Fernández Alfonzo (BNG) cualificou de "estraña" esta proposta, posto que a conclusión que se saca é que "a Xunta está excedida" e "pide prórroga porque non chega a tempo". 

"Piden papas"

"Piden papas porque ante todo hai que salvar os intereses das empresas enerxéticas que son as que mandan", manifestou o deputado nacionalista.

Para Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) con esta proposta "maniféstase unha vez máis" que a Xunta "non chega a tempo para cumprir os seus propios prazos". "O problema que ten a Xunta é que non traballa, non ten xente suficiente para cumprir", concluíu.

Comentarios