Sindicatos e movementos sociais apoian unha candidatura nacional galega de unidade

Unha declaración pública asinada por colectivos como a  CIG, Fruga, Comités, AS-PG e a Federación Galiza Cultura, entre outros, aposta por avantar cara a ese obxectivo.

bandeiras

Á calor do debate aberto arredor da unidade para afrontar os vindeiros comicios xerais, e logo de que se sucedan varios manifestos cidadás a prol da confluencia, sindicatos e movementos sociais do noso país veñen de tomar a palabra para expresaren o seu apoio a unha “candidatura nacional galega de unidade”.

A través dunha declaración pública de carácter aberto chaman a seguir avantando cara a conformación dese espazo unitario en chave nacional. A iniciativa ten como primeiros asinantes Adega, Agrupación Cultural “O Galo”, Asociación Galega de Emigrantes Retornados “Marusía”, Asociación Galega de Historiadores, AS-PG, CIG, Comités, Federación Galiza Cultura, Fundación Bautista Álvarez, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Fruga e a Organización Galega de Comunicades de Montes en Man Común. O texto fica aberto a novas adhesións.

Apostan por lograr un grupo parlamentar galego con personalidade xurídica propia e plena soberanía

“As organizacións sociais abaixo asinantes entendemos que as próximas eleccións as Cortes Xerais do Estado constitúen unha cita política moi importante para as lexítimas aspiracións de soberanía e xustiza social do pobo galego” explican no texto. Por iso xulgan que unha candidatura unitaria é unha iniciativa precisa diante dun “contexto político-institucional, social e económico como o que estamos a vivir, no que están abertos debates de calado como o do modelo económico e social ou o do dereito a decidir e á libre determinación dos pobos”. “Galiza, o noso pobo, non pode nin debe ficar á marxe en ningún deses debates, máis ben ao contrario, debemos aparecer como un suxeito con voz propia” engade a declaración.

“Sumámonos a todas aquelas voces que desde diferentes ámbitos están a defender e promover iniciativas no camiño de conformar unha candidatura unitaria nacional galega, que conte cun amplo respaldo social e político que faga posíbel que por primeira vez se poida conformar un grupo parlamentar galego no Congreso dos Deputados” proclaman. Un grupo parlamentar que conte “con personalidade xurídica propia, con plena soberanía na súa toma de decisións e polo tanto non sometido nin supeditado a estratexias políticas estatais, comprometido na defensa dun programa reivindicativo en favor das clases populares galegas e do pleno recoñecemento da soberanía de Galiza como nación que somos”.

Comentarios