18-F

Miles de maiores reciben ás portas das eleccións o carné+65, con descontos e vantaxes, canda unha carta de Rueda

“A Xunta da Galiza  ofrece moitas actividades dirixidas ás persoas maiores”, afirma o tamén candidato do PP á Presidencia, Alfonso Rueda, na misiva que se está a recibir estes días en miles de fogares.

CARTA
photo_camera Extracto da carta remitida por Alfonso Rueda (Foto: Nós Diario)

Último día de campaña, esta sexta feira, e ás caixas de correos de galegos e galegas de máis de 65 anos estalles a chegar o carné +65 da Xunta da Galiza, unha tarxeta que contempla toda unha serie de ofertas e propostas para este colectivo, que na Galiza integran ao redor de 800.000 persoas.

E canda ese carné, acompañándoo, unha carta do presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP a revalidar o cargo, Alfonso Rueda. ““A Xunta da Galiza  ofrece moitas actividades dirixidas ás persoas maiores”, afirma, citando desde estadías en balnearios até apoios para “viaxar e coñecer novos lugares”.

“Agora sumamos unha novidade”, prosegue a carta do presidente: “O carné +65, unha tarxeta semellante á que teñen os menores de 30 anos, que lle ofrecerá descontos e vantaxes en comercios, aloxamentos turisticos, actividfades formativas...”.

O novo carné da Xunta empezouse a enviar en precampaña aos seus miles de destinatarios mais esta semana continúa a chegar a integrantes dese colectivo de maiores de 65 anos de idade. Na carta, o presidente e candidato do PP tamén lembra que “desde o 1 de xaneiro” o transporte público galego é “gratuíto” para este colectivo.

No inicio da campaña, o director de campaña do BNG, Rubén Cela, denunciou o emprego de diñeiro das arcas autonómicas "cun profundo carácter electoral". Ao respecto, mencionou iniciativas como o anuncio do 'Bono Coidado non Fogar' e o envío de cartas asinadas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aos maiores co novo carné +65. "Máis aló de que sexan legais ou non, desde unha perspectiva ética entendemos que non é razoábel", aseverou.

Nas últimas semanas desde a Xunta da Galiza realizáronse numerosos anuncios por boca do seu rpesidente de diferentes axudas e subvencións. Logo de convocar o 22 de decembro as eleccións galegas, o Goberno galego presidido por Alfonso Rueda aproveitou o remate de 2023 e ata finais de xaneiro, en plena precampaña electoral, para "regar" o Diario Oficial da Galiza (DOG) con cartos públicos. Só ese mes van máis de 50 publicacións de axudas que suman 350 millóns de euros. 

Comentarios