Secundino García recunca como candidato do BNG á alcaldía de San Sadurniño

O BNG arranca a súa campaña para as eleccións locais en San Sadurniño coa elección como candidato de Secundino García. García, rexedor da localidade desde 2007, aspira a reeditar un novo mandato.

 

Secundino García, alcalde de San Sadurniño
photo_camera Secundino García, repite como candidato do BNG á alcaldía de San Sadurniño. (Foto:Nós Diario)

A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego de San Sadurniño escolleu na tarde de onte como candidato á alcaldía Secundino García. García, militante nacionalista desde os seus anos mozos, é rexedor da localidade desde 2007, goberno, actualmente, a localidade con maioría absoluta.

O encontro da afiliación do BNG serviu, tamén, para comezar a elaboración da candidatura para os vindeiros comicios e “preparar un programa que nos permita seguir mellorando o territorio e a calidade de vida de quen vivimos nel”

Novos proxectos para San Sadurniño

A reunión serviu para analizar os diversos proxectos que os nacionalistas están a promover no Goberno local así como para acordar “distintos proxectos en marcha ou que pretendemos levar a cabo desde o concello no que resta de mandato e tamén de cara ao período 2023-2027”.

Os nacionalistas aproveitaron a asemblea para definir as liñas de traballo para o actual curso político. Neste sentido, manifestaron a “ intención de reforzar o traballo coa veciñanza para explicar as propostas do Bloque nun ano en que tocan eleccións xerais no Estado”.

O BNG de San Sadurniño entende que “precisamos máis representación do BNG no Congreso dos Deputados -as enquisas así o indican- para que Galiza teña máis poder de decisión naqueles asuntos que nos afectan como país”.

Eleccións galegas de 2024

A formación nacionalista amósase convencida que “o cambio é imparábel e queremos consolidalo en 2024, ano de eleccións ao Parlamento da Galiza, convertendo tamén a Ana Pontón, muller e nacionalista, na primeira presidenta da Xunta”

A militancia do BNG de San Sadurniño expresou a súa preocupación “nun contexto de crise, suba de prezos e de progresivo desmantelamento de servizos, sobre todo os sanitarios, que requiren unha maior acción política”

Os nacionalistas apelan “a mobilización da sociedade para reivindicar o mantemento dos nosos dereitos” e nesta liña traballarán nos vindeiros meses.

  

Comentarios