Sanidade destinará a concertos co sector privado en 2026 a cifra récord de 261,7 millóns
A secretaria xeral técnica da Consellaría de Sanidade, Natalia Lobato, explicaba no Parlamento da Galiza a principios de ano que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) debía empregar “todos os mecanismos ao seu alcance”, en referencia aos contratos co sector privado, para garantir “unha asistencia adecuada á poboación”. O custo para as arcas públicas deses "mecanismos" en 2026 vai ser, segundo se recolle no proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza que esta semana se entregou na Cámara galega, de 261,7 millóns de euros. Unha cifra que supera en perto de 16 millóns a que se destinou no presente ano (2025) a esa mesma finalidade, os concertos da sanidade pública co sector privado.
O aumento entre o que se asigna nas contas de Sanidade para 2026 a respecto do dado en 2025 é de 4,6%, un incremento superior non só á suba media dos Orzamentos da Xunta entre ambos os dous anos (2%, sen aplicar o incremento da inflación), senón que tamén é maior que o aumento das contas para a Consellaría de Sanidade entre 2025 e 2026, que é de 3,9%.
As contas para o vindeiro ano recollen que se pagarán en "asistencia sanitaria con medios alleos" 250,1 millóns de euros dentro do programa de Atención Hospitalaria e 11,6 millóns no programa de Atención Primaria. En total, 261,7,millóns de euros onde a maior parte vai para "concertos con entidades privadas", que levarán un total de 150,8 millóns de euros, cifra superior en máis de oito millóns á recibida en 2025 (146,2 millóns de euros).
Neses concertos "con medios alleos" que figuran no proxecto de Orzamentos que en breve empezará o seu periplo polas diferentes comisións do Parlamento galego teñen un peso importante aqueles destinados a prestar diferentes servizos, desde resonancias magnéticas e medicina nuclear (2,8 millóns de euros) até o programa especial de transporte, a través de servizos concertados de ambulancias, que supón pagar máis de 44 millóns de euros.
Áreas sanitarias
Vigo é a área sanitaria onde os Orzamentos para 2026 contemplan un maior transvase de fondos públicos para o sector privado: 120 millóns de euros, case a metade do total que na Galiza vai en sanidade para concertos con empresas privadas. A cifra é notabelmente superior á que se asigna nas contas de 2025 (94,2 millóns). O contrato asinado en abril entre o Sergas e Povisa, e cunha duración de dous anos, contempla que o hospital privado vigués reciba anualmente 97,5 millóns de euros, 17% máis do que a Consellaría de Sanidade lle pagaba no anterior convenio subscrito co centro.
A seguir figura a área sanitaria da Coruña e Cee, onde a drenaxe de diñeiro público para os concertos con empresas privadas supera os 39 millóns de euros para 2026, unha cifra levemente superior á asignada en 2025 (38 millóns). Na de Santiago e O Barbanza a cantidade que se recolle no proxecto de Orzamentos para o próximo ano é de 20,6 millóns. Desa cifra, máis de cinco millóns teñen como destino os concertos con entidades privadas, unha cantidade similar á que se destina no ano en curso.
Case 10 millóns de euros na área sanitaria de Ferrol—dos 17,1 millóns que Sanidade pagará en 2026 a empresas privadas— van ir a petos da sanidade privada, cifra superior á de 2025 (9,3 millóns). En Pontevedra-O Salnés e Ourense-O Barco-Verín, respectivamente, 14,1 e 18,8 os millóns de euros que dos Orzamentos de Sanidade van saír para empresas privadas.
Canon do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Un informe elaborado polo Consello de Contas e feito público en xullo do ano pasado sinalaba que o modelo empregado pola Xunta da Galiza para a construción e a xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xerou un quebranto ás arcas públicas de máis de 470 millóns de euros. As conclusións deste estudo provocaron unha exixencia de responsabilidades cara ao Goberno galego e a creación dunha comisión de investigación no Parlamento que a maioría do PP converteu —entre as protestas e denuncias da oposición parlamentaria e de entidades de defensa da sanidade pública— nun xuízo autoexculpatorio.
Os orzamentos da Xunta para 2026 contemplan —no apartado de 'Contratos de colaboración público-privada e concesión pública'— que se pagarán no vindeiro ano 26,6 millóns de euros polo canon de construción do complexo hospitalario vigués. Unha cifra que en 2027 será de 31,2 millóns de euros. E así, ano tras ano, até 2035, último exercicio no que a Xunta terá que pagar por este canon. Ese ano, e segundo o proxecto de contas para 2026, a cantidade a pagar será de 17,3 millóns.
A Xunta saca Transparencia á Valedora do Pobo
A Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña o proxecto de Orzamentos modificará a Lei de transparencia e bo goberno para adscribir a Comisión de Transparencia, até agora dependente da Valedora do Pobo, ao Consello Consultivo da Galiza. Este órgano que xestiona as queixas amparadas na Lei de transparencia deixará de estar baixo a órbita da Valedora. O último informe deste organismo, correspondente ao exercicio 2023, daba conta de que a institución rexistrara até 3.154 expedientes de queixas recibidas sobre 825 asuntos relativos á sanidade galega.
As partidas que o Sergas asigna á privada creceron 27% desde 2020
En 2020 os cartos que a Consellería de Sanidade destinou a través dos orzamentos ao sector privado a través de concertos e de convenios foi de 205,5 millóns de euros. Seis anos despois esa cifra aumenta até os 261,7 millóns, o que representa unha suba de 27%. O diñeiro que entre ambos os dous anos (2020 e 2026, incluídos) foi parar ao sector privado en sanidade elévase por riba dos 1.600 millóns. Foise dando un aumento sostido. Daqueles 205,5 millóns pasouse nos orzamentos de 2021 a 216,7 millóns e, nas contas para 2022, a 219,2 millóns. En 2023 o importe que se dirixiu ao sector privado superou os 222 millóns de euros, e en 2024 foron 236 millóns.
No ano en curso a cifra situouse en 245,8 millóns de euros. E a cantidade que se asigna a sanidade por parte do Goberno de Alfonso Rueda no proxecto de contas para 2026 é de 5.671 millóns de euros, o que supón 213 millóns máis de recursos que en 2005. Deses 5.671 millóns totais, a Atención Primaria ve aumentar o seu financiamento até os 1.747 millóns de euros, unha cantidade que con todo fica lonxe dos 2.000 millóns de euros que investía o Goberno do PSdeG e o BNG en 2009, de ter en conta o efecto da suba de prezos (1.437 millóns de euros naquela altura, desde cando a inflación aumentou en 40%). Colectivos de profesionais e de pacientes defenden desde hai anos a necesidade dun maior reforzamento deste servizo, no que en 2026 se van extraer 11,6 millóns de euros con destino a pagar a asistencia "con medios alleos" á sanidade pública.


