Ruptura no pacto de goberno en Ramirás entre o PP e o PSOE
Os populares afirmaron que tiñan negociado coller a alcaldía no mes de xuño, pero que a alcaldesa socialista no convocou o pleno para facer o traspaso afectivo
O Partido Popular de Ramirás,Terra de Celanova, informou esta cuarta feira da ruptura do pacto de goberno alcanzado co PSOE da localidade ante as "reiteradas escusas" da alcaldesa, a socialista Isabel Gil, para non ceder o cargo
Nun comunicado, o PP de Ramirás anunciou a ruptura do pacto de goberno alcanzado co PSOE após as municipais de 2023 polo que ambas as formacións acordaron senllos períodos de dous anos á fronte da Alcaldía.
O PP asegurou que, segundo este acordo, o portavoz popular Juan Carlos Rodríguez Matías tiña que presidir a corporación municipal desde o pasado mes de xuño, pero censura que "xa transcorreron máis de cinco meses" e que "non ven predisposición por parte da alcaldesa". "Só continuas escusas para evitar a substitución", censura.
En consecuencia, dixo Rodríguez Matías, o PP de Ramirás pasará a ser oposición polo que votarán "a favor, en contra ou abstención" en función do que consideren "mellor para os veciños e para o concello".
O concelleiro do PP lembrou que nas eleccións locais de maio de 2023 rexistrouse un triplo empate entre PP, PSOE e BNG, obtendo cada formación tres concelleiros. "Sempre estivemos abertos a falar con socialistas e nacionalistas, aínda que as negociacións non foron fáciles", sinalou Juan Carlos Rodríguez.
Tras descartar a opción co BNG, o PP sostén que o pacto alcanzado co PSOE tiña como principal acordo a substitución na alcaldía aos dous anos de mandato, ademais de incluír a dous concelleiros do PP na Comisión de Goberno.
O portavoz do PP sinalou que Isabel Gil empezou a primeira quenda, "xa que ao estar a gobernar nos catro anos anteriores podería así terminar algúns proxectos que tiña en marcha, como o centro do día".
Con todo, sostivo que, o 30 de xuño empezaron os contactos para principiar a substitución, "tal e como estaba fixado", pero que "desde entón só escoitamos máis escusas sobre a apertura do centro para maiores".
Nesta liña, o PP indica que, en setembro, o grupo municipal do PP esixiu que se convocase o pleno para dar conta do cesamento de Isabel Gil á fronte da alcaldía. "Dábannos igual 15 días arriba ou abaixo, pero o escrito da convocatoria non chegou", asegurou Rodríguez.
Esta situación, "unida á ausencia de reunións da Comisión de Goberno", levou finalmente aos populares de Ramirás a "romper o pacto de goberno cos socialistas e iniciar unha nova etapa na oposición".
