Rueda volver cargar contra o TSXG pola paralización dun parque eólico
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, cualificou esta quinta feira de "inexplicábel" a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anula un parque eólico en Mazaricos (Xallas), por motivos ambientais.
Neste sentido, o TSXG anulou as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico A Ruña III ao considerar que o proxecto carecía dunha declaración de impacto ambiental completa e axustada á normativa comunitaria.
A sentenza, ditada pola Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo, supón a primeira resolución de fondo do TSXG tras as recentes decisións do Tribunal Supremo (TS) e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que reforzaron as exixencias de avaliación ambiental conxunta para este tipo de infraestruturas.
O tribunal comunitario avalou o proceder da Xunta en dúas cuestións da avaliación ambiental do proxecto, mais tendo en conta estas mesmas resolucións por parte do TXUE e do TS, o TSXG conclúe que a avaliación ambiental do proxecto en Mazaricos foi "parcial e insuficiente".
"A Ruña III non só se configura como unha instalación que produce enerxía eléctrica, senón que tamén a almacena e transporta até a rede", recolle a recente sentenza do TSXG, que insiste en que "debían terse valorado todos os compoñentes nun único procedemento".
Albo das críticas da Xunta
A pesar dos argumentos esgrimidos polo alto tribunal galego, Rueda persiste en pór as decisións xudiciais no albo das súas críticas, precisamente empregando as resolucións do TXUE e do TS como base para a súa argumentación para tratar de invalidar unha avaliación ambiental que non tivo en conta, segundo o TSXG, todo o que debería incluír de forma conxunta.
"Inexplicabelmente busca outro argumento para seguir contradicindo o que dixo o Supremo e o que dixo o Tribunal europeo a requirimento do TSXG", afirmou Rueda. "É difícil de entender, imos recorrer", ratificou o presidente do Goberno galego.
