Rueda ve "moi difícil" un acordo sobre o galego co BNG se este pide derrogar o decreto que limita o galego no ensino
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considerou que vai ser "moi difícil" chegar a un acordo sobre o galego co BNG, do que asegura que se mantén en que "se non se derroga o decreto" do plurilingüismo hai que "esquecer calquera consenso".
"Así é moi difícil acordar", sostivo o presidente na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta.
"Cando se negocia, non se pode dicir que esta é a miña posición e, se non a aceptas, non hai nada que negociar", apuntou Rueda, que considerou que "mentres eses sexan as formulacións, vai ser difícil o acordo".
Pasado 19 de novembro dimitía Daniel Chapela, coordinador de Cultura do partido Popular da Galiza con críticas moi duras cara á política lingüística do PP e afirmando que "O PP non ten vontade de chegar a un pacto pola lingua".
Congresos
Por último, interpelado sobre as celebracións dos congresos do PSOE en Sevilla e do BNG en Compostela, Rueda sostivo que espera que, tras as citas orgánicas, "os ánimos estean moito máis relaxados" e se poida chegar a acordos.
"Eu prefiro, desde a vitoria, facer autocrítica e non ser conformista", dixo. "Se os partidos que perderon as eleccións o pasado 18 de febreiro están moi contentos desde a derrota, pois adiante, a vida segue e espero que os ánimos estean moito máis relaxados e podamos chegar a acordos".
