Rueda pide que o traspaso das competencias do litoral inclúan os medios para exercela após votar en contra da transferencia deses medios
O PP aprobou en solitario a Lei do litoral en xullo pasado, unha lei, como lle lembrou a oposición, que carecía dos medios para executar esas competencias. Unha proposición do BNG naquela altura pedindo o trapaso deses medios foi vetada polo PP.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu ao Goberno español que o traspaso das competencias de xestión do litoral inclúan os medios humanos e económicos necesarios para poder exercela.
Preguntado respecto diso na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello, Rueda lembrou que a Xunta tivo que rexeitar o documento inicial presentado polo Executivo estatal por considerar que "non era de recibo en absoluto".
E é que, segundo dixo, "ignoraba directamente a sentenza do Tribunal Constitucional" e o comprometido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na reunión mantida con el na Moncloa. Tras iso, Rueda recoñeceu que "houbo unha rectificación" por parte dos negociadores do Goberno estatal que quedaron en pasar unha nova versión á Xunta.
"Eu simplemente o que pido é que a transferencia recoñeza o que dixo o Tribunal Constitucional. Dixo de forma manifesta que tiñamos dereito a exercer esa competencia e que debían, ademais da competencia, ser transferidos os medios humanos e os recursos económicos necesarios para exercela", afirmou.
Esta petición de traspaso de medios e persoal que fai agora o Rueda contrasta co veto que en xuño do ano pasado exerceu na Cámara galega a maioría do PP sobre unha proposición de lei presentada polo BNG con esa mesma demanda. Os populares cualificaran daquela a iniciativa presentada polo nacionalismo como "inxusta, innecesaria e ilegal".
Pouco despois deste veto, 4 de xullo, a Cámara galega aprobaba cos votos en solitario do PP a Lei do litoral da Galiza. Naquel debate, Alexandra Fernández (BNG) denunciara que o PP "non quixo facer unha lei efectiva". Os medios e servizos para poder exercer a competencia sobre litoral, explicaba a nacionalista, están en mans do Estado e sen a súa transferencia a nova norma está "baleira". Fernández lembrou que tres semanas antes unha proposición do BNG pedindo o traspaso desas ferramentas necesarias para desenvolver a competencia do litoral foi vetada polo PP. "Non tiñan vontade dunha verdadeira lei para o litoral", manifestou.

