Rueda eleva a case 1.000 millóns de euros o déficit da Galiza pero considera "ruinosa" a quita da débeda

O xefe do Goberno galego comparece no Parlamento da Galiza.
Alfonso Rueda o pasado 11 de setembro no Parlamento da Galiza. (Foto: Xunta da Galiza).
Alfonso Rueda o pasado 11 de setembro no Parlamento da Galiza. (Foto: Xunta da Galiza).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, comparece esta terza feira no Parlamento para avanzar as "grandes liñas" de actuación do seu Goberno para o próximo ano e o que resta de lexislatura a través dos orzamentos, nos que, adiantou, incluirá unha batería de medidas para facilitar o acceso á vivenda.

Neste contexto Rueda vén de elevar a case mil millóns de euros o déficit da Galiza para atender os servizos públicos (até hai días cifrábao en 700 millóns). Ademais o xefe do Executivo galego reiterou a súa oposición a aceptar que a débeda de cada comunidade autónoma se reparta "a partes iguais entre todas", unha operación de redistribución, dixo que "significaría que cada galego tivese que cargar con 495 euros máis de débeda pública. Que non conten con nós", porfiou.

Os datos publicados polo Banco de España o pasado 30 de setembro sinalan que a débeda pública galega fechou o primeiro semestre de 2024 en máximos históricos: ao remate do mes de xuño alcanzou os 13.083 millóns de euros.

Un negocio "ruinoso"

Lonxe de aclarar os argumentos que sosteñen a súa posición, Rueda optou por pedir explicacións a quen defende o contrario: "Os que defenden un negocio tan ruinoso deberían explicar por encargo de quen o están a facer". "Tamén hai quen pide pasar dun modelo de corresponsabilidade a un 'sálvese quen poida' no que cada comunidade recadase e gastase pola súa conta. En que nación insolidaria queren converter España?".

Nesta liña, o presidente da Xunta citou as cifras dun informe elaborado polo Foro Económico que sitúa en 634 millóns de euros a cantidade que a Galiza perdería de se "materializar o financiamento singular para Catalunya e nada menos que 2.128 millóns de euros se se xeneralizasen en toda a nación os modelos de singularidade".

Tras desbotar calquera sorte de concerto Rueda asegurou que Galiza "non será subordinada de ninguén e ningún partido, ningún Goberno nin territorio fará que Galiza renuncie aos seus dereitos e intereses lexítimos".

Taxa turística

Por outra parte, o presidente da Xunta tamén avanzou que a Lei de acompañamento dos Orzamentos deste ano incluirá a habilitación para que os Concellos que así o desexen poidan impoñer unha taxa turística "sempre e cando cumpran con varias condicións: recadala e xestionala" de forma directa, así como destinar un 80% dos recursos obtidos á mellora da sustentabilidade turística. Ademais, os municipios que desexen impoñer esta taxa deberán facelo en diálogo co sector.

Comentarios