A débeda pública galega sitúase en máximos históricos: ascende a 13.083 millóns de euros

A débeda pública galega fechou o primeiro semestre de 2024 en máximos históricos. Segundo os datos publicados onte polo Boletín Estatístico do Banco de España, ao remate do mes de xuño alcanzou os 13.083 millóns de euros. A Xunta desde 2009 endebedou cada residente na Galiza en 3.372 euros.
O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento no debate do teito de gasto. (Foto: Arxina)
O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento no debate do teito de gasto. (Foto: Arxina)

O Banco de España presentou onte as cifras de débeda das comunidades autónomas correspondentes ao primeiro semestre de 2024. Nas mesmas, o regulador estatal sinala que a Galiza rexistra unha débeda pública a 30 de xuño de 13.083 millóns de euros, o que representa un novo récord histórico de endebedamento do país. Ao tempo, destaca que 2.311 millóns desa débeda está contraída co Goberno do Estado, 7.430 millóns coa banca privada e 3.342 con outro tipo de acredores.

O alcance da débeda pública é moi relevante. A súa contía é só inferior en 174 millóns de euros aos orzamentos da Xunta da Galiza de 2024, representando unha cantidade equivalente a 98,6% gasto recollido nas contas públicas deste exercicio. Na mesma dirección, a débeda pública supera en 8.216 millóns de euros o gasto de persoal da Administración galega desta anualidade e en 11.487 millóns de euros todos os investimentos reais previstos para ese exercicio. Ao tempo, é maior en 585 millóns de euros aos orzamentos de 2023.

A débeda pública galega tense incrementado ao longo de 2024 en 913 millóns de euros e desde 2009, ano da chegada do Partido Popular ao Goberno galego, en 9.129 millóns de euros. Se á volta do primeiro trimestre desa anualidade sumaba 3.954 millóns e equivalía a 6,8% do produto interior bruto (PIB) da Galiza, a finais de xuño de 2024, último mes con cifras, chegaba a 13.083 millóns de euros, representando perto de 17,4% do PIB. Nesta dirección, os Executivos presididos por Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda endebedaron cada residente na Galiza desde 2009 en 3.372 euros.

O aumento do endebedamento foi constante desde 2009. Mentres o Goberno bipartito na Xunta da Galiza do PSdeG e do BNG levou adiante unha importante redución do mesmo, pasándose dunha débeda pública de 7,4% do PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007, a tendencia mudou, primeiro, no período de Núñez Feixoo e, posteriormente, no de Rueda. Mentres o primeiro incrementouna nos seus 13 anos de Goberno en 7.760 millóns de euros o segundo aumentouna nos seus dous anos en 1.583 millóns de euros.

A débeda total

O Goberno galego debe, a maiores, 1.906 millóns de euros correspondentes a diversas actuacións financiadas pola modalidade de colaboración público-privada. Precisamente, esta fórmula, moi criticada polas forzas da oposición, responde ao obxectivo de non computar a efectos contábeis como débeda pública diversos investimentos do Goberno galego. O recurso á colaboración público-privada para execución de diversos actuacións públicas xera un aumento no custo das obras, como denunciou o Consello de Contas no mes de xullo en relación co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

As débedas da Xunta derivadas da colaboración público-privada correspóndense co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a autovía da Costa da Morte, a autoestrada AG-56 entre Compostela e Brión, a vía de alta capacidade de unión entre a autoestrada A-52 e a fronteira portuguesa e as vías rápidas do Salnés e do Barbanza. Nesta liña, o endebedamento da Administración galega coas construtoras adxudicatarias das vías de comunicación sinaladas é de 1.136 millóns de euros e coa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro é de 770 millóns de euros.

Os tipos de xuro

A Xunta destina no seu orzamento de 2024 até 1.647 millóns de euros para facer fronte as súas  débedas. Neste sentido, as contas públicas aclaran que 1.322 millóns de euros están dedicados a amortización de débeda pública, 188 millóns a pago de xuros con entidades bancarias, investidores privados e o Estado e 137 millóns a facer fronte aos compromisos financeiros derivados das actuacións executadas mediante a formula da colaboración público-privada. A Xunta ficou nos orzamentos un incremento nos custos dos xuros para esta anualidade de 70,5% en relación con 2023.

A contía destinada polo Goberno galego ao pago dos xuros derivados da súa débeda é a terceira partida máis elevada dos orzamentos galegos de 2024, só por detrás do investimento sanitario e educativo. A este respecto, un informe elaborado no mes de setembro polos economistas  Manuel Díaz e Carmen Marín para a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea), entidade considerada como think tank das compañías do IBEX, sinala que Galiza pagará ao final de 2024 en concepto de tipos de xuro 308 millóns de euros; isto é 120 millóns de euros máis dos previstos nos orzamentos.

As proxeccións recollidas no relatorio de Fedea avanzan que os tipos de xuro da débeda galega alcanzarán en 2027 ao redor de 503 millóns de euros. Nesta liña, Díaz e Marín aclaran que as previsións foron elaboradas atendendo ao crecemento do PIB nominal e aos obxectivos de referencia para o déficit público das comunidades autónomas recollidas no Informe de Situación da Economía Española 2024, destacando que se tratan dunhas estimacións "conservadoras".

A quita reduciría a débeda en 2.616 millóns de euros

O acordo asinado en novembro de 2023 entre BNG e PSOE para investir a Pedro Sánchez fixaba unha redución da débeda pública galega na mesma proporción que a acordada para Catalunya. O documento estabelecía que "en caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida por comunidades autónomas adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), estabelecemento de medidas compensatorias análogas para Galiza, no marco das compensacións a aquelas comunidades autónomas que non fixeron uso do FLA". Nesta liña, o Goberno do Estado acordou unha quita da débeda catalá de 20% e expresou a súa vontade de esténdela a outras comunidades.

A quita proposta polo Goberno do Estado significaría reducir a débeda pública galega en 2.616 millóns de euros, unha contía superior aos gastos correntes dos orzamentos galegos de 2024 fixados en 2.243 millóns de euros ou aos seus investimentos reais cifrados en 1.596 millóns de euros. Na mesma liña, a cantidade é moito maior que o custo do Hospital Álvaro Cunqueiro, que alcanzou os 1.400 millóns de euros, permitindo, practicamente, erguer dúas dotacións hospitalarias das mesmas características que este hospital vigués. Porén, Alfonso Rueda continúa rexeitando esa posibilidade.

Comentarios