Rueda preside o seu primeiro 25 de xullo acompañando Felipe VI e reivindicando a Galiza como "a meta do Camiño onde caben todos"

O presidente da Xunta participou da Ofrenda ao Apóstolo liderada polo rei Felipe VI e á que tamén asistiron Alberto Núñez Feixoo, Xosé Sánchez Bugallo e Nadia Calviño.
O presidente Alfonso Rueda asistiu ao discurso de Felipe VI. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda asistiu ao discurso de Felipe VI. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, publicou nas súas redes sociais este 25 de xullo, con motivo do Día da Patria Galega, un vídeo no que convida a cidadanía galega a celebrar a súa terra "hoxe e sempre", porque é a "meta" dun Camiño no que caben "todos".

"É realmente difícil de explicar o que significa Galiza. Levamos a nosa terra moi dentro de nós, así que, no noso día, o mellor que podemos facer é celebrala hoxe e sempre, dentro ou fóra da Galiza, na aldea, na vila, na cidade", expresa o mandatario galego.

No vídeo con motivo do seu primeiro 25 de xullo como presidente, Alfonso Rueda define a Galiza como "unha comunidade orgullosa do que é", de "como fala" e "do que fai".

Así, a súa intervención está chea de referencias ao Camiño de Santiago, do que recoñece que "nunca perde unha oportunidade" para falar. "Hoxe, no meu primeiro Día da Galiza como presidente, entenderedes que non fago unha excepción", sinala, aínda que promete que "non" deixará "de falar de nós, os galegos".

"Alén de recibir camiñantes de todo o mundo neste Xacobeo dobre, nós tamén vimos de lonxe, imos da man no presente e temos a vista posta nun futuro común. A meta, por suposto, non podía ser outra: Galiza", sinala Rueda.

Neste contexto, o titular da Xunta afirma que, "por riba de calquera diferenza, todos os galegos" queren facer "máis grande esta terra" que senten "tan dentro". "Eu apúntome a ese Camiño porque nel tamén estades vós, porque nel cabemos todos e porque ser galego é algo indescriptíbel. Feliz Día da Galiza a todos e todas", conclúe o presidente.

O mandatario galego celebrou así o seu primeiro 25 de xullo á fronte do Goberno galego, após participar pola mañá da Ofrenda ao Apóstolo liderada polo discurso do rei Felipe VI. Ao acto tamén asistiron canda el o presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e máis a vicepresidenta primeira do Goberno estatal, Nadia Calviño.

Comentarios