Rueda di que Feixoo "non desatenderá" as súas obrigas: "Faime graza o nerviosa que se pon a oposición"

Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, no Congreso do PP pontevedrés decorrido o pasado ano (Foto: PP).
Pide "un pouco de tranquilidade" a PSdeG e BNG, que piden que Feixoo renuncie á Presidencia da Xunta, e insiste en que o Goberno galego segue a traballar "con total normalidade" nestes momentos.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu, na mesma xornada na que o presidente, Alberto Núñez Feixoo, anticipou que dirá a partir de maio cando abandona o Executivo galego para centrarse en dirixir o PP, que estará á fronte do Goberno galego "até que considere conveniente" e non vai desatender "ningunha" das súas obrigas.

"O presidente está a facer o que fai desde o principio: actuar con total transparencia e planificación, marcando os tempos. E cunha premisa fundamental, a atención até que considere conveniente das obrigas na Xunta, e a partir do congreso de Sevilla, as tarefas do partido a nivel estatal", esgrimiu, en declaracións aos medios en Leiro, esta segunda feira.

Rueda afirmou que o presidente galego "está a cumprir" coas súas tarefas na Xunta e avanzou que o seguirá a facer, do mesmo modo que non descoidará os seus labores no PP. "Faime graza o nerviosa que se pon a oposición con estes temas", apuntou o vicepresidente primeiro, a quen se ve como o mellor situado para suceder Feixoo como xefe do Executivo galego, após insistir en que na Xunta se traballa "con total normalidade".

Pide "tranquilidade" á oposición

Neste contexto, trasladou que ao BNG e o PSdeG lles receitaría "un pouco de tranquilidade" e "a garantía" de que a Xunta "traballará con total rigor, atendendo o necesario e cumprindo coas súas obrigas" nun momento "tan complicado" como o actual, aínda marcado pola pandemia.

Dos partidos da oposición, apuntou que o que "parece" é que "non lles fai moita graza" que un presidente "ratificado catro veces por maioría absoluta" exerza "as súas funcións", tendo en conta que "están a pedir xa, mesmo antes de que se celebre o congreso, que marche".

Aliás, lembrou que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, é o líder dos socialistas galegos, mais tamén alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña.

"Por tanto, tranquilidade", insistiu, para concluír que está "garantido" que Feixoo "non desatenderá" ningunha obriga nin como presidente da Xunta nin como líder do PP.