BNG, PSdeG e Sumar celebran o arquivo de Altri e Rueda ve "demagoxia" na oposición

O anuncio do arquivo do proxecto de Altri para A Ulloa xerou esta sexta feira reaccións na oposición, coincidentes en salientar o arquivo como unha "vitoria" da mobilización popular; e o silencio desde as filas do PP, que optou por non facer declaracións. Si que falou o presidente da Xunta.
combo
Alfonso Rueda, Ana Pontón, José Ramón Gómez Besteiro e Verónica Barbero. (Foto: Xunta da Galiza / Arxina / Nós Diario / Europa Press).

Altri é un dos temas protagonistas da política galega na presente lexislatura, que arrancou en febreiro de 2024, como xa o foi de boa parte da anterior. Poucas son as sesións plenarias onde o proxecto de Greenfiber para A Ulloa non estea presente en forma de pregunta parlamentaria, interpelación ou proposición non de lei. De aí que ao pouco de anunciar a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, o arquivo do proxecto, as reaccións no campo político pronto sucederon. Curiosamente non no Partido Popular da Galiza, tan áxil a se pronunciar noutras ocasións sobre temas que se producen alén de Padornelo e que nesta ocasión optou polo mutismo. Nós Diario consultou a última hora da mañá o partido se ía haber algunha declaración ou opinión. "Non está previsto" foi a resposta. E así foi.

Falou, iso si, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que esta sexta se atopaba nun almorzo informativo en Madrid cando a súa conselleira anunciou o arquivo. O presidente da Xunta, preguntado por este anuncio, non dubidou desde Madrid en  criticar o que cualificou como "demagoxia clarisima" en torno ao proxecto de Altri, defendendo que este proxecto implicaba un investimento de moitos centos de millóns de euros". O presidente galego lamentou que o Executivo estatal denegase a conexión a Altri  á rede eléctrica e tamén lembrou que lle negou o acceso a fondos europeos. Volveu insistir en que a macrocelulosa implicaría "un investimento de moitos centos de millóns de euros" e a creación potencial de até 2.500 postos de traballo.

Rueda aumentou nos últimos meses a súa belixerancia contra a oposición no tema de Altri, nomeadamamente a medida que o BNG e o PSdeG incidían na existencia dun "pacto secreto" entre o Goberno galego e Altri para facilitar a instalación da celulosa. O malestar de Rueda chegou ao punto, en marzo pasado, de cargar con dureza contra o BNG e PSdeG por cuestionar Altri: "Ou son uns ineptos, ou uns mentireiros, ou non se decatan de nada, ou todo á vez”, dixo o titular do Executivo galego.

Pontón: "É unha derrota do Goberno do PP"

O BNG acolleu o arquivo con satisfacción. “É un gran día, venceu a dignidade”, afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Para a nacionalista, estamos ante “unha mostra da capacidade do pobo galego” para “superar aqueles proxectos” económicos ou industrias que van contra os seus intereses. “É un gran triunfo da cidadanía”, proseguiu Pontón, que puxo en valor puxo en valor como ao longo de todos estes meses “non nos rendemos e desmentimos todas as mentiras e falacias do PP” en torno a este proxecto. Se no arquivo de Altri hai gañadores, tamén hai perdedores, apuntou.

“É unha derrota do Goberno do PP e de Alfonso Rueda, que puxo os intereses de Altri por riba dos da Galiza”. Para Pontón, Altri era unha mostra de que a Xunta da Galiza carece dunha política industrial para o país que non sexa unha industria sometida ás “celulosas”. E foi “a mobilización da cidadanía a que logrou mudar as cousas”, insistiu. A portavoz nacional tamén quixo pór en valor o papel desenvolvido polo BNG ao longo de todos estes meses. “Estou moi orgullosa do BNG, estivemos man con man coa cidadanía”, dixo, “e trouxemos ao Parlamento a súa voz para que non se construíse” a macrocelulosa. Para Pontón, este arquivo “non é unha concesión do PP” senón que é “froito da mobilización social e a presión política”, dun compromiso que levou a que o arquivo sexa “unha vitoria do pobo galego e da democracia”. 

Besteiro: "Rueda ten que pedir perdón"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou o “carpetazo” ao proxecto de Altri como “unha vitoria para Galiza”, pois o país “nin quería nin necesitaba ese proxecto”. “É un fracaso da política industrial de Alfonso Rueda, Altri era o seu mascarón de proa”, manifestou o socialista para o que o presidente da Xunta da Galiza “debe de pedir perdón polo seu apoi “Foi o Goberno estatal quen paralizou este proxecto formulado polo Partido Popular”, acrecentou Besteiro, e criticou que, malia esas negativas, a Xunta mantivese durante meses unha expectativa arredor dunha iniciativa que “hoxe cae definitivamente”.

Besteiro tamén rexeitou o “relato do medo” que, ao seu xuízo, tenta instalar o PP e negou que o arquivo do proxecto deixe sen futuro industrial Galiza. “O que deixa en evidencia é a ausencia dunha política industrial por parte do PP”, afirmou.

Barbero: "Ë unha vitoria da mobilización"

O Movemento Sumar Galicia tamén celebrou o arquivo. A portavoz do grupo parlamentario de Sumar no Congreso, Verónica Barbero denunciou que “mentres o PP vendía Galiza a cachos e poñía o noso territorio ao servizo dos poderosos, a cidadanía estivo sempre enfronte, e nós con eles". Para Barbero "gañou a mobilización popular fronte á enésima traizón do PP, e ficou claro que Galiza non está en venda”.


A vía xudicial aberta

O arquivo do proxecto chega nuns momentos nos que o BNG e o PSdeG incrementaban a presión sobre o Goberno galego polo que denominan "pacto secreto" existente entre o Executivo e Altri para facilitar o desembarco da celulosa na Ulloa. Neste sentido, no vindeiro pleno —a semana que vén— Ana Pontón ía cuestionar a Alfonso Rueda sobre este "pacto". O pasado 7 de febreiro o TSXG admitía a trámite o recurso do BNG para acceder aos documentos asinados entre Altri e a Xunta "que o PP oculta e se nega a entregar", anunciaban os nacionalistas. Pola súa parte, Besteiro anunciaba esta exta que que o grupo socialista na Cámara acudirá á vía xudicial para "esclarecer o acordo do PP" con Altri e insistiu na creación dunha comisión de investigación.

Comentarios