Rueda celebra o afastamento do xuíz Luís Villares tras a campaña de presión da Xunta da Galiza contra a Xustiza

O presidente apunta que había “moita diferenza” entre a cifra de parques eólicos paralizada na Galiza e no resto do Estado español.

rueda
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou esta segunda feira que non entraba a "valorar cambios orgánicos”, a preguntas da prensa sobre a decisión da nova presidenta da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de afastar o maxistrado Luís Villares da sección que decidía sobre os parques eólicos.

Malia esta declaración, Rueda "celebrou" o o afastamento do xuíz Luís Villares da sala do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que sentenciaba sobre os parques eólicos, tras a campaña de presión da Xunta.

A preguntas de Nós Diario, o titular do Executivo galego afirmou nun primeiro momento que "non valoro esa decisión" [de afastar Villares desa sala] maia a seguir engadiu que "celebraba" se ese movemento era para conseguir "a imparcialidade da sala", ando a entender que até o de agora non o era.

Rueda defendeu que a Xunta "discutiu" sentenzas sobre eólicos coas que non estaba de acordo con elas, xa que critica a "diferenza que supoñía que no resto de España non se estivese producindo esa actividade paralizadora que se estaba producindo aquí", nun argumento que ten manifestado en reiteradas ocasións a patronal eólica. a Galiza hai ao redor de 200 parques en funcionamento, con perto de 4.000 megawatts de potencia instalada. 

Os cambios na composición da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza volveron pór no foco a situación dun órgano xudicial que estivo ao longo destes anos no centro da atención mediática polas reiteradas críticas aos seus autos por parte da Xunta da Galiza e de diferentes colectivos patronais, nomeadamente da Asociación Eólica da Galiza.

Neste sentido, colectivos xudiciais, como Xuízas e Xuíces para a Democracia, ou formacións políticas, como o BNG e o PSdeG, alertan de posíbeis interferencias políticas e do lobby eólico na decisión da nova presidenta da Sala, Azucena Recio González, que ordenou o traslado forzoso de dous xuíces da sección terceira -que resolve sobre eólicos- á sección cuarta.  

Comentarios