A Xunta e o PP buscan novas vías para suavizar a moratoria do eucalipto
O erro do PP ao non rexistrar en prazo no Parlamento as emendas deseñadas polo Goberno galego para flexibilizar aínda máis a moratoria sobre o eucalipto non vai frear a pretensión do Executivo de Alfonso Rueda de suavizar esta moratoria. O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, recoñeceu esta terza feira que buscan un encaixe xurídico para corrixir o "erro" que deixou fóra de tramitación ditas emendas.
O Goberno galego e o Partido Popular buscan un encaixe xurídico para poder reparar o "erro" do PP na Cámara galega que deixou, polo de agora, fóra de tramitación, ao non se presentar en tempo e forma, as dúas emendas coas que a Xunta da Galiza quería flexibilizar aínda máis a nova moratoria sobre o eucalipto que entra en vigor o 1 de xaneiro e se estenderá até 2030.
O propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, afirmou esta terza feira a preguntas da prensa que "estamos a falar cos servizos xurídicos precisamente para ver como somos capaces de incorporalas [as emendas]". O Goberno galego ten a vontade de suavizar a moratoria proposta na Lei de acompañamento aos Orzamentos de 2026 para permitir aos propietarios replantar nunha nova parcela até 100% dos eucaliptos que tiña na antiga, no canto de só 75% que permite a moratoria. "Lamentabelmente houbo un erro", resumiu Corgos, e esa mudanza non está a día de hoxe en tramitación.
O conselleiro de Facenda explicou que se podería tentar "negociar" a inclusión das emendas ao longo da tramitación que queda até que se aprobe a Lei de orzamentos para 2026 e a Lei de medidas fiscais e administrativas que a acompaña. Porén, tanto o BNG como o PSdeG non están por favorecer esa posibilidade.
Lectura única
Tanto a Xunta da Galiza como o PP incidían esta terza feira en que a vontade é que saian adiante as emendas, e máis aló da negociación ligada á Lei de acompañamento, apuntaban a outras posíbeis vías. Por exemplo, o regulamento autonómico inclúe a posibilidade de tramitar un proxecto de lei en lectura única cando o "aconselle" a natureza ou a "simplicidade de formulación" dunha norma, coa fin de axustar ao máximo os tempos de tramitación. A maioría do Partido Popular na Cámara permitiríalle esta manobra.
O eucalipto aumentou a súa superficie en 25.000 hectáreas —6% máis— entre 2022 e 2024, dous anos nos que a moratoria sobre esta especie estivo en vigor. Ningunha outra, nin frondosa nin conífera, se expandiu tanto durante ese período, segundo rexistra o Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG) que se presentou a semana pasada en Santiago de Compostela.
Os datos levaron a que voces do sector como a Fundación Arume (que aglutina serradoiros, asociacións de propietarios e outras entidades da cadea monte – industria) mostrasen a súa "preocupación" polo aumento do eucalipto e se preguntase pola "capacidade real" da Administración para "fiscalizar e seguir" a aplicación da moratoria. Porén, Alfonso Rueda defendeu esta segunda feira, a preguntas da prensa na comparecencia despois da reunión semanal do Goberno galego, que o eucalipto se mantiña "en cifras razoábeis".


