Rueda atribúe que a superficie do eucalipto aumente a que as árbores medran
O aumento en 25.000 hectáreas da superficie ocupada polo eucalipto durante os dous anos da moratoria desta especie responde para o presidente galego, Alfonso Rueda, a que árbores plantadas antes desa moratoria aumentaron o seu tamaño até poder ser agora contabilizadas. Para o BNG e PSdeG, porén, estamos ante un "fracaso" na política forestal da Xunta. Arume insta a "conter a expansión" desta especie.
O Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG) presentado esta quinta en Compostela puxo cifra á superficie que o eucalipto ocupa na Galiza: 438.156 hectáreas (ha), 19.000 máis que en 2023 e 25.000 máis que en 2022, o primeiro ano enteiro de aplicación da moratoria que a Xunta da Galiza aplicou sobre esta especie. Nestes dous anos de pandemia, o terreo ocupado por esta especie incrementouse en 6%, unha cuestión sobre a que se pronunciou esta sexta o titular da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a preguntas da prensa.
O presidente afirmou que a especie crece no IFCG por árbores "xa plantadas antes da moratoria" mais que entran agora polo seu tamaño na contabilidade. Rueda asegurou que "se mantén a superficie de coníferas e de frondosas", polo que hai "un equilibrio". Mais o Inventario o que recolle nestes dous anos é unha perda de superficie de frondosas (-3.000 ha) e un aumento do terreo das coníferas moito máis baixo que o do eucalipto. Insistiu en que o eucalipto segue a ser "o sustento económico de moitas familias e de moitas industrias", malia que os datos da Asociación Forestal da Galiza apuntan a que a rendibilidade da especie caeu en 22% desde o ano 2018.
Interpretación diferente dos datos do IFCG fai a oposición e o sector nucleado en torno ao piñeiro, representado na Fundación Arume. A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, cualificou esta sexta feira como un "fracaso consciente" a moratoria do eucalipto. A respecto da prórroga da moratoria até 2030, dixo que "aínda que lle poñan ese nome, o que vai implicar é que o eucalipto avance en zonas nas que, neste momento, non estaba porque ten tantas excepcións que realmente é unha absoluta barra libre", censurou.
Pola súa parte, Carmen Rodríguez Dacosta (PSdeG) denunciou a “moratoria flexíbel” —permitirá substituír piñeiros por eucaliptos en máis de 15.000 hectáreas— "imposta" por Rueda a través da lei de acompañamento dos orzamentos. A socialista reclamou unha moratoria “real” de cinco anos “sen trampas, con avaliación técnica e control público".
As "dúbidas" do sector
A Fundación Arume trasladou esta sexta a súa "preocupación" pola expansión do eucalipto aos grupos parlamentarios do PP, BNG e PSdeG. A fundación chamou a "conter a expansión" do eucalipto. Propuxo —fronte á excepción na nova moratoria que permitirá substituír piñeiros afectados pola banda marrón por eucaliptos— unha introdución controlada de especies de coníferas alternativas xa ensaiadas —como o piñeiro taeda— como criterio prevalente antes dun cambio de conífera a eucalipto.
A Fundación dixo partillar o obxectivo de reducir a superficie ocupada polo eucalipto, mais manifestou as súas "dúbidas sobre a viabilidade real de tal obxectivo mentres non se dispoña de mecanismos sólidos de control e actualización de datos". Reclama, neste sentido, un ente específico.

