Consello da Xunta

Rueda apoiaría a supresión do Ministerio de Igualdade

Alfonso Rueda, nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)
O Goberno galego está en campaña electoral e percíbese. Neste sentido, enténdense os temas seleccionados para a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da esta quinta feira, onde Alfonso Rueda aproveitou para xustificar algunhas das propostas máis polémicas do PP.

Rueda defendeu esta quinta feira a proposta de Alberto Núñez Feixoo de suprimir o Ministerio de Igualdade. O mandatario galego explicou que o seu xefe de filas apostou por eliminar o Ministerio de Igualdade se chega á Presidencia do Executivo do Estado, pero creando "un departamento dentro doutro ministerio". Neste sentido, asegurou que "o que dixo Alberto Núñez Feixoo é que pode sobrar burocracia, pero en ningún caso o que sobran son políticas de igualdade. Mesmo con menos burocracia, ás veces se potencian resultados".

O mandatario galego puxo Feixoo como exemplo en materia de políticas de igualdade. Nesta liña, manifestouse "absolutamente convencido" do "compromiso" do seu antecesor no cargo coas políticas de igualdade e insistiu en que “aí non podía haber ningunha dúbida”. Ao tempo, criticou as alternativas defendidas desde o Executivo do Estado e ironizou con que “o logro máis grande que lle coñecemos é a Lei do 'só si é si', que tivo que ser emendada, e menos mal, polo propio Goberno”.

O presidente da Xunta defendeu racionalizar a “burocracia e o gasto” após presentar unha proposta para financiar até 50% as vacacións a aqueles menores de entre 18 e 30 anos que decidan facer o Camiño de Santiago. O programa, denominado Xacobeo Xove, ofrecerá “descontos de até 200 euros como máximo para cubrir gastos en aloxamento e manutención en estabelecementos turísticos do Camiño, co obxecto de fomentar as rutas xacobeas entre as novas xeracións”.

Por outra parte, o xefe do Executivo galego anunciou que “a Xunta iniciará a vindeira semana o proceso de captación de investimentos privados para a creación da sociedade mixta”, de carácter “público-privado”, cuxo obxectivo é que "os beneficios socioeconómicos do aproveitamento de recursos naturais -como os que fan uso intensivo da auga, as iniciativas mineiras ou as enerxías renovábeis- revertan na Galiza”.

Rueda sinalou que o Goberno galego, “á hora de seleccionar as empresas que conformen a sociedade mixta”, terá en conta “o arraigo na Galiza”, “que teñan aquí o centro de decisións e xeren riqueza na nosa terra” e que “a súa fonte principal de ingresos non sexan as actividades enerxéticas”. O modelo de sociedade defendida pola Xunta foi, xa, rexeitado polas forzas da oposición.

Convocatoria MIR

O mandatario galego aproveitou o seu encontro cos medios para presumir de política sanitaria. Neste sentido, afirmou que “o número de prazas de formación sanitaria na Galiza non deixou de medrar desde 2012” e destacou que o Goberno galego aprobou na súa reunión desta quinta feira “a maior oferta de prazas de formación sanitaria da historia da Galiza para o exercicio 2023-2024”.

Así, anunciou a convocatoria de 207 prazas de médico de familia e 52 de enfermaría de Atención Primaria. Porén, 1.533 médicos de familia xubilaranse até 2026 e 1.526 marcharon para traballar fóra do Estado desde 2010.

Falla de fondos para Altri

Alfonso Rueda cualificou de "sorprendente" e "inexplicábel" a decisión do Goberno do Estado de non incluír Altri dentro das propostas a financiar a cargo do programa Next Generation. Nesta liña, afirmou que o Executivo estatal non tiña "ningunha intención" de apoiar este proxecto "tan importante e tan potente".

O mandatario galego sinalou que "é unha demostración máis de que por prexudicar as opcións do que espero que sexa o próximo presidente do Goberno (Alberto Núñez Feixoo) non pasa nada por prexudicar a Galiza". Ao tempo, revelou que falou esta cuarta feira co ministro de Industria, Héctor Gómez, para pedirlle que "manteña" a súa "promesa" á marxe das eleccións estatais, xa que "hai cousas que non poden nin deben esperar e deben ficar á marxe de conxunturas políticas".

As declaracións de Rueda producíronse após, na terza feira, a ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, asegurara que o proxecto de Altri non cumpre cos criterios da Comisión Europea (CE) para recibir axudas públicas procedentes do programa Next Generation. Neste dirección, excluíu a pasteira da solicitude de fondos comunitarios remitida nesta semana á Comisión Europea, polo que a deixa fóra das liñas de financiamento extraordinario comunitario.