O Goberno español aproba en Consello de Ministras a Lei de Paridade

O réxime sancionador será estrito nos Consellos de Administración.
Nadia Calviño intervén durante unha rolda de prensa (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Nadia Calviño intervén durante a rolda de prensa (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Goberno español aprobou esta terza feira, en segunda volta, a Lei de Representación Paritaria que obrigará a que haxa unha presenza de, polo menos, un 40% de mulleres no Goberno, nos consellos de administración das grandes empresas, nas candidaturas electorais e tamén nos órganos constitucionais.

Así o anunciou a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras.

En marzo xa aprobara en primeira volta a norma, mais agora modificouna para que afecte tamén os órganos constitucionais e os órganos de relevancia constitucional como "o Tribunal Constitucional, o Consello de Estado, o Consello Fiscal, o Tribunal de Contas ou o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e teñan unha representación paritaria", precisou Calviño.

Ademais, a vicepresidenta primeira do Goberno indicou que outra das modificacións introducidas consiste en que "se flexibiliza o calendario" destes obxectivos que irá desde 2024 para o Ibex 35 até 2028 para as entidades de interese público".

Réxime de sancións

Calviño explicou que o réxime sancionador será estrito ante o incumprimento da presenza de mulleres á que obriga a lei nos consellos de administración, mentres que no caso dos postos directivos, a empresa terá que explicar se non se cumpre a norma, estabelecer protocolos e revisar os seus procesos para garantir que así se produce.

Ademais, o réxime sancionador será "máis estrito" para as grandes empresas cotizadas. 

Calviño indicou que a pesar dos "avances" conseguidos na participación das mulleres no traballo en 2022, aínda "queda camiño por percorrer" pois "a súa presenza nos consellos de administración de empresas cotizadas sitúase no 32% e non chega ao 22% no caso dos postos de alta dirección".

Comentarios