xoves 03/12/20

Rio Minho urxe un plan transfronteirizo que unifique criterios de xestión da ‘Rede Natura 2000'

No caso do Miño son varias as administracións (galega, española e portuguesa) que deben interpretar esa lexislación europea de protección o que, na práctica, deriva en criterios diferentes
O río Miño (Foto: AECT).
O río Miño (Foto: AECT).

“Por que na beira portuguesa do río Miño as ecopistas están feitas de formigón e no lado galego só poden ser de xabre? Por que nunha beira hai control de aves protexidas ou de especies invasoras e na outra non? Por que un lado pode tomar auga do río para as explotacións agrícolas e o outro non? Por que nun lado se permiten recheos e no outro non? Por que dun lado se permiten actividades culturais e no outro non?”

Estas son algunhas das cuestións que o AECT Rio Minho quere abordar coa Xunta  e os Gobernos español e portugués co fin de unificar os criterios de actuación e protección do río Miño nun Plan de Xestión Transfronteirizo (PXT) común e coordinado.

Para iso, o AECT acaba de ver aprobada unha nova candidatura ao programa B-Solutions da Comisión Europea que permitirá que persoas expertas asesoras e consultoras da UE "poñan a falar" ás administracións e resolvan os problemas xurídicos que na práctica fan que o río Miño sexa tratado de dous modos diferentes no lado galego e no portugués.

Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT, Uxío Benítez, o río Miño é un espazo de protección ecolóxica de ámbito europeo grazas á ‘Rede Natura 2000' que se rexe por unha normativa europea única para todos os países membros.

Porén, no caso do Miño son varias as administracións (galega, española e portuguesa) que deben interpretar esa lexislación europea de protección o que, na práctica, deriva en criterios diferentes que xeran disfuncións por autorizacións máis ou menos permisivas segundo o caso

O deputado lembra que calquera actuación dunha marxe repercute na outra e que a disparidade actual de criterios está a crear problemas ambientais e socioeconómicos co río de fondo

comentarios