Ribeira debate hoxe a moción de censura, a duodécima que se presenta na Galiza desde as municipais de 2023
Mariola Sampedro (PP) aspira a quitar a Alcaldía a Luís PérezBarral (BNG).
Esta segunda feira a Corporación municipal de Ribeira (O Barbanza) debate unha moción de censura na que Mariola Sampedro (PP) se postula opara ocupar a Alcaldía e sacar, previsibelmente, o bastón de mando ao nacionalista Luís Pérez Barral, que gobernaba co apoio do PSOE e do PBBI.
En concreto, o PP de Ribeira presentou unha moción de censura xunto a catro concelleiros do Partido Barbanza Independente (PBBI) e que devolverá, presumiblemente, aos populares, con Mariola Sampedro á fronte, á alcaldía, que desde as eleccións municipais do 2023 estaba en mans do nacionalista Pérez Barral.
O documento foi asinado polos 10 edís do PP e catro dos cinco que os independentes teñen na Corporación, a excepción do concelleiro de Sanidade, Juan Luís Furones. Con todo, unha das concelleiras do PBBI que asinou a moción, Tania Redondo, pasou a ser concelleira non adscrita após denunciar nos últimos días "acoso e presións" e renunciar a continuar formando parte do partido.
O debate e a votación desta nova moción de censura farase coa popular como candidata, quen sucedeu a Manuel Ruiz Rivas, actualmente no Senado. Para Sampedro, esta moción chega contra un alcalde que "nunca asumiu a responsabilidade e a honra que supón gobernar Ribeira".
Pola súa parte, o até agora alcalde cualificou de "bochornosa" a moción e asegurou que responde "única e exclusivamente a intereses partidistas e particulares de ambas as dúas formacións".
Tamén afirmou que lle produce "vergoña allea" ver como o PP é "capaz de calquera tipo de estratexia para tombar" o goberno tripartito formado polo cinco edís nacionalistas, os cinco independentes e un concelleiro do PSOE.
Coa moción de censura de Ribeira son xa unha ducia as presentadas nos concellos galegos superado o ecuador do mandato municipal.
Cinco cristalizaron antes da resolución este ano do do Tribunal Constitucional que suprimiu a cláusula que impedía sacalas adiante se dependían do voto dun tránsfuga e sete despois.

