Rianxo incorpórase á Mancomunidade do Barbanza

O Concello aprobou co apoio de todos os grupos --agás o PP-- a entrada na planta de xestión de residuos de Servia (Lousame).

Rianxo
photo_camera Rianxo

Foi o primeiro concello en anunciar que abandonaría Sogama após a suba do imposto que grava o servizo por parte da Xunta de Galiza. Naquela altura, o aldalde rianxeiro, Adolfo Muíños (BNG), advertía que a decisión non era produto do incremento do canon, se ben recoñecía que a medida "axudou a tomar a decisión". 

Após uns meses, o pleno municipal formalizou a decisión adoptada pola equipa de goberno e prepara xa a vila mariñeira para converter en novo membro da Mancomunidade do Barbanza. Desde a alcaldía e o grupo maioritario que apoia o goberno (BNG) defenden que o novo modelo de xestión de residuos é máis ecolóxico e favorece un mellor tratamento dos mesmos, sendo que a planta de Servia desenvolve un programa de produción de compost a partir de residuos orgánicos. 

Coa incorporación de Rianxo a planta de Lousame xerirá os residuos de 100.000 habitantes

"O último estudo do Ministerio español di que a planta que máis recicla de todo o Estado español é a do Barbanza", sinalaba en conversa con Sermos Galiza o presidente da Mancomunidade do Barbanza e alcalde de Brión, Xosé Luís García (PSdeG-PSOE) quen, asemade, aseguraba que a incorporación de Rianxo á planta de Lousame ampliaría o seu servizo a un radio de 100.000 habitantes algo, que para García outorgaría "seguridade ao noso sistema" e permitiría "aforrar algúns cartos" tamén aos concellos integrados. 

Eis a razón esgrimida polo grupo municipal do Partido Popular para rexeitar a saída de Sogama e adherírense á Mancomunidade. Segundo @s populares a mudanza incrementaría o custe da xestión de residuos á cidadanía. Porén, desde o Concello lembran que após a suba do prezo da planta de Cerceda, os custes serán semellantes en ambos os dous casos. 

Comentarios