"O modelo de xestión de residuos non debe ser a incineración senón a reciclaxe"

O presidente da Mancomunidade do Barbanza e alcalde de Brión, Xosé Luís García (PSdeG-PSOE), explica o modelo de xestión de residuos urbanos desenvolvido na planta de Lousame. Unha alternativa "ecolóxica" a Sogama que anima a botar a andar noutros puntos do país. "O sistema non debe ser a incineración", di, "a Xunta debera implicarse".

Como xorde a Mancomunidade do Barbanza?

A idea nace hai bastantes anos, cando a UE ofreceu a posibilidade de achegar axudas a aqueles concellos que quixesen producir compost. Algo que naquel momento xa era obrigatorio para os Estados membros --como mínimo nun 25% dos residuos sólidos urbanos. Así, un grupo de Concellos [Brión, Lousame, Porto do Son, Muros, Rois, Carnota, Pontecesures, Ames e Noia] decidimos presentar un proxecto que nos foi aprobado e polo que percibimos mil millóns de pesetas para o pór a andar. Isto contado de maneira doada pois tivemos moitas trabas. Non recibimos ningunha axuda da Xunta. Mais conseguimos sacar a Mancomunidade adiante. 

Cal é o modelo de xestión dos Residuos Sólidos Urbanos (RSU) que se desenvolve na planta de Lousame face o que representa Sogama?
O modelo é moi distinto. Nós recollemos por separado o lixo. Dunha banda a través do seu depósito nos contedores e doutra cunha recollida porta a porta. Unha das principais diferenzas é que só hai dous contedores, un de tapa amarela no que vai todo e outro gris no que vai a materia orgánica. Os nosos camións están bi-compartimentados de maneira que dunha soa pasada recollen os dous contedores. Ese lixo chega á planta de tratamento e nunhas cintas de triaxe desenvólvese unha separación do lixo depositado no contedor de tapa amarela.

"O último estudo do Ministerio español di que a planta que máis recicla de todo o Estado español é a do Barbanza"

Sacamos desde plástico de múltiples modelos até produtos de aluminio. Iso embálase e trasládase aos recicladores. O demais pasa á cinta de compost. Unha parte desta materia orgánica é rexeitada e trasládase a un vertedoiro controlado até que poida ser aproveitada por alguén. Nós non queimamos absolutamente nada. A outra parte destínase á produción de compost e é empregado, sobre todo, en plantacións de vide da zona. Tentamos que a Xunta comprenda que este compost botado nos montes queimados contribuiría a unha rexeración dos mesmos moito máis rápida. Cumpre sinalar que no último estudo feito polo Ministerio español se di que a planta que máis recicla de todo o Estado español é a do Barbanza. 

O plástico é vendido a Ecoembes... [É unha sociedade sen ánimo de lucro encargada da xestión e reciclaxe do plástico no Estado español. Foi fundada en 1996 e réxese pola Lei 11/97]. 
Si, Ecoembes ten esa obriga. Cada vez que mercamos, por exemplo, unha garrafa de auga e ten un circuliño [reférese ao símbolo que sinala os envases reciclábeis] estamos a pagar uns céntimos para que nós os reciclemos. De feito, atopámonos inmersos nun pleito porque entenden [Ecoembes] que reciclamos máis do que outras plantas e só queren pagarnos o 80% do que reciclamos. Entrementres, pagan unha parte a Sogama cando esta planta o queima todo. 

Con ese sistema de separación do lixo xéranse un elevado número de postos de traballo directos, non si?
Efectivamente. Os empregados da planta son veciños dos concellos que facemos parte da Mancomunidade. Condutores, axudantes, mecánicos, persoal cualificado... temos quendas de mañá, tarde e noite polo que é importante o número de persoas que traballan na planta. 

Desenvolven campañas de formación e concienciación entre a cidadanía?
Temos unha partida anual destinada a ese fin. Dunha banda, desenvolvemos un traballo de concienciación fundamentalmente nos colexios onde explicamos que se fai co lixo que sae das súas casas. Doutra banda, elaboramos unha enquisa a través da que se fixa o custe do servizo ano a ano. A veciñanza determina o grao de satisfacción a partir da cal a empresa estabelece a suba --máis grande ou máis pequena-- do que cobra polo sistema no seu conxunto, tanto de recollida como de tratamento.

Cal é o grao de satisfacción da veciñanza?
A verdade é que nunca baixamos do 9 sobre 10. A xente valórao moi ben pois facemos un traballo de recollida integral, desde o aceite de coche ou de cociña até pilas, papel ou cartón, pequenos residuos de construción e mesmo animais mortos se for o caso. Todo o que se produza nunha vivenda. 

Como alcalde de Brión, como valora a decisión da Xunta que incrementará o custe de Sogama nun 34%?
Nós non entramos aí. Non estamos en Sogama polo que non podemos dicir nada. Mais se Sogama ten un custe e a Xunta ten que subvencionala para que Fenosa acepte que sexa así, os que tomamos parte dun outro sistema, recollido no Plan de xestión de residuos urbanos de Galiza, o que queremos como mínimo é o mesmo trato. Que se nos outorgue a parte proporcional das subvencións que nos corresponde. Até o momento non recibimos ningunha. A Xunta debe lembrar que ten a obriga de converter en compost o 25% dos RSU e non de queimar todo o que se recolle de maneira que a planta do Barbanza non só está a contribuír á cidadanía coa súa reciclaxe, senón que estamos a facer un favor á Xunta. 

"A Xunta debe lembrar que ten a obriga de converter en compost o 25% dos RSU e non de queimar todo o que se recolle"

O Concello de Rianxo anunciou que se sumará á Mancomunidade...
Parécenos fantástico. Rianxo é un concello cun goberno progresista [BNG] que decidiu optar por un modelo máis ecolóxico. Neste senso, contan co noso apoio. Para nós, aliás, supón reforzar a Mancomunidade que abranguerá arredor dos 100.000 habitantes, o que lle dá garantía e seguridade ao noso sistema. Eles, aliás, aforrarán uns cartos e obterán un mellor servizo, se ben foi unha decisión adoptada antes de se aprobar a suba de Sogama. 

Coa experiencia destes anos, animaría a aproveitar a situación actual para a construción de novas plantas?
Si, coido que o sistema é este. Non debe ser a incineración e a creación de vertedoiros incontrolados que non sei onde acabará o día de mañá. Debería aproveitarse tamén o noso e introducirse algún concello máis, embora iso supoña ampliar a planta. A Xunta debería implicarse e apoiándose na Mancomunidade meter outros concellos de máis habitantes que comecen a xerar compost cun custe mínimo. 

Comentarios