Perfil de Xoán Bascuas (CxG) | Eleccións galegas 2016

O resucitador do galeguismo non soberanista

Sermos Galiza inicia a publicación dunha serie de perfís dos principais candidatos e candidatas á presidencia da Xunta de Galiza. Unha coletánea que enceta debullando no currículum de Xoán Bascuas, candidato de Compromiso por Galicia. Nos próximos días verán a luz as reseñas dos cabezas de lista de Ciudadanos, En Marea, PSdeG, BNG e PP.

Xoán Báscuas, candidato á presidencia da Xunta por CxG
photo_camera Xoán Báscuas, candidato á presidencia da Xunta por CxG

A actividade política de Xoán Carlos Bascuas Jardón (1970) remóntase á súa mocidade. Após anos de militancia no nacionalismo, quer no ámbito xuvenil (Galiza Nova) quer no propio BNG, Bascuas abandonaba a fronte nacionalista en maio de 2012 após a convulsa asemblea nacional de Amio, logo de ter sido --durante o bipartito-- delegado na Coruña da Consellaría de Vivenda, baixo dirección da nacionalista Teresa Táboas. Á súa saída impulsou a creación de Compromiso por Galicia (CxG). Baixo esa marca concorreu ás eleccións autonómicas de 2012, nas que CxG non superaría o 1% dos votos, recollendo apenas o apoio de 14.586 sufraxios.

Bascuas aposta nun galeguismo a medio camiño do soberanismo e o autonomismo.

Malia todo, a aposta de Bascuas non se encolleu por ese serio revés electoral. En decembro dese ano CxG celebraba o seu Congreso Fundacional, do que resultaba eleito Secretario Xeral. E máis recentemente logrou concitar un apoio maioritario á súa posición contraria a diluír Compromiso nas mareas, tal e como defendían referentes da formación como Xosé Manuel Pérez Bouza, arestora candidato de En Marea pola provincia de Ourense.

Licenciado en ciencias políticas pola mesma Universidade Complutense da que procede o núcleo de dirección de Podemos, é profesor da Escola de Traballo Social da Universidade de Compostela. As persoas que o trataron salientan del o seu talante e actitude, sempre receptiva e serena, disposto a escoitar e dialogar.  Un perfil que resulta especialmente atractivo e seductor no ti a ti. No negativo apuntan a súa tendencia á moderación e posicións excesivamente posibilistas.

As eleccións galegas do 25S, ás que Bascuas concorre como aspirante de CxG á presidencia da Xunta, son para el e para a súa formación unha proba de lume. O exame que en grande medida determinará se hai espazo, ou non, para consolidar unha opción política de orientación socialdemócrata, profundamente europeísta e que quer representar a cara moderna do galeguismo. Un galeguismo, que o propio Bascuas situaba nunha recente entrevista en Sermos a medio camiño do soberanismo que encarna o BNG e do autonomismo resignado de PSdeG e  Marea. 

O pragmatismo é unha das súas marcas persoais. Para alén das súas conviccións ideolóxicas é capaz de despregar unha proposta política que pivota sobre a centralidade, tentando emular –malia as distancias-- un PNV á galega.

Comentarios