A arquiveira do Carballiño: “É moi sinxelo que se perda documentación, vin como a tiraban a un camión”

Nunha nova xornada do xuízo contra o ex alcalde, Pachi Vázquez, e outras catro persoas a secretaria de Alcaldía asegurou que accedeu ao seu cargo porque a antecesora "xubilouse".
Un momento da sesión de hoxe. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Un momento da sesión de hoxe. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O xuízo contra o que fora alcalde do Carballiño e líder do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, e outros catro ex altos cargos do municipio por presunta prevaricación en 60 contratacións prosigue con declaracións de traballadoras e traballadores do Concello que resultan unha sorpresa.

Esta sexta feira foi a quenda de falar da bibliotecaria e encargada do arquivo, que tamén exerceu como secretaria e mesmo interventora de maneira puntual. A testemuña comentou que, ao cubrir baixas e vacacións estivo “un pouco en todos os papeis”.

Ao ser interrogada sobre os contratos indefinidos detrás da polémica, sostivo que “moitos se fixeron por decreto da Alcaldía porque estaban comezando a denunciar nos xulgados e lle daban a razón, así que para non perder máis diñeiro nin tempo en xuízos puxeron en constancia a importancia de fixar aos traballadores e facelo da forma máis rápida e menos custosa posíbel”.

Tamén houbo acordos plenarios para chegar a tal decisión. Porén, outra das súas declaracións causou máis estupor se cabe porque, segundo afirmou, o arquivo municipal “era e é un desastre”.

Pola súa experiencia di que todo o mundo pode acceder, mesmo desde a rúa sen levantar sospeitas, a pesar de que só ela ten “a chave”. Alías declarar que sempre estivo “mal organizado”, subliñou: “É moi sinxelo que se perda documentación, vin como a tiraban de carretas ao camión da brigada obreiros coa funda de traballo”. Pensa que todo o proceso para mover material a unha nave foi sen sinaturas nin un tratamento especial para este tipo de documentos.

Do coidado ao abandono

A testetemuña da defensa insistiu: “Houbo un tempo en que o arquivo era a nena mimada do Concello”. Foi antes da chegada de internet. “Despois desvalixouse, era un caos, é sinxelo que se extraviase documentación porque destruíron moito material; eu vin que picaban moito”, resumiu.

Pola súa banda, a secretaria da Alcaldía desde 2002 contou que ela chegou ao posto por un retiro. “Había outra persoa que se xubilou e puxéronme a min”, comentou.

Comentarios