Acordo na Coruña

Rei e Jorquera asinan na Coruña o acordo de investidura e un marco de colaboración estábel

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, asinou con Francisco Jorquera, portavoz do BNG no concello, un documento que constitúe un acordo de investidura e un marco de colaboración estábel entre ambas forzas para o mandato 2019-2023.

Inés Rei e Francisco Jorquera na sinatura do acordo
photo_camera Rei e Jorquera na sinatura do acordo [Imaxe: BNG]

A Coruña contará cun acordo de investidura e un marco de colaboración estábel para o mandato 2019-2023, así é como BNG e PSdeG denominan o documento asinado na cidade herculina na mañá desta cuarta feira 17 de xuño entre a alcaldesa Inés Rei (PSdeG) e Francisco Jorquera (BNG). O Bloque alcanza así con Inés Rei unha serie de compromisos e prioridades políticas mais sen entrar polo de agora no equipo de goberno local.

Ambas forzas comprometéronse a comezar en setembro a negociación dos orzamentos municipais, que se acompañarán dun informe de impacto de xénero

No acordo, ambas forzas comprometéronse por escrito a comezar no mes de setembro a negociación dos orzamentos municipais, que se acompañarán dun informe de impacto de xénero. Entre as liñas a seguir nos catro anos de mandato salienta o compromiso no avanzo da accesibilidade no espazo público con equipamentos, instalacións e estabelecementos apropiados e contando co apoio do Grupo de accesibilidade da Coruña.

PSdeG e BNG comprométense tamén á creación de novas peonalizacións e o impulso da mobilidade na cidade

PSdeG e BNG comprométense tamén á creación de novas peonalizacións e o impulso da mobilidade na cidade, fundamentalmente no que ten a ver co transporte público, priorizando durante o primeiro tramo de mandato a regulación de patíns eléctricos, skates e bicicletas eléctricas, e a mellora do servizo de autobuses aumentando a frecuencia de liñas e os horarios de servizo, adecuando as liñas e implantando carrís bus.

Ademais, o acordo tamén formula a esixencia á Xunta e goberno central dos investimentos precisos para o desenvolvemento económico e social da Coruña, citando a conexión ferroviaria ao porto exterior e a constitución dun consorcio, coa participación de distintas administracións e entidades, para realizar a transformación dos terreos do porto interior. A este respecto, o documento sinala que se velará por manter sempre a titularidade pública dos mesmos e esixir a condonación da débeda pola construción do porto exterior ou a busca doutras solucións financeiras que “en ningún caso representen unha hipoteca para o futuro da cidade".

En canto a vivenda impulsarase o réxime de aluguer e estudarase a viabilidade da creación dun programa de dinamización de comercio cunha bolsa de baixos en réxime de aluguer.

Así mesmo, impulsarase a rehabilitación de locais municipais en desuso e incrementaranse as zonas verdes, mellorarase a situación do persoal de bibliotecas, atenderanse as condicións das escolas infantís municipais e dos colexios públicos, nomeadamente o que ten a ver con comedores e patios cubertos.

Outras pioridades son o impulso das TIC e da industrialización, a defensa da lingua coa aprobación da Ordenanza do Galego e o cumprimento da lexislación de materia de normalización lingüística do Parlamento Galego.

Comentarios